Primeira toma de contacto cos dous consistorios ourensáns
SEA estudará impulsar solo industrial supramunicipal no Carballiño e Maside
Beatriz Sestayo desprazouse este xoves ao Concello de Maside para manter unha reunión co alcalde da localidade, José Manuel Iglesias e máis o rexedor do Carballiño, Francisco Fumega, co obxectivo de poder coñecer o proxecto de desenvolvemento do polígono industrial supramunicipal que estudan conxuntamente ámbolos dous municipios. Nesta reunión, primeira toma de contacto, tamén participaron o asesor xurídico de SEA, Antonio Quintela, o director comercial José Rey e o arquitecto municipal de Maside.
A xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) explicou que se tratou dunha “primeira xuntanza enormemente produtiva”, na que se constatou a existencia dun interese xeral en impulsar un proxecto “por riba dos intereses exclusivamente locais” e nun “enclave estratéxico”.
Beatriz Sestayo destacou ademáis a importancia de estudar a presencia de SEA, dependente nun 84% do Ministerio de Transportes, nunha provincia, a de Ourense, na que aínda non ten desenvolvido solo industrial. “Qué mellor que nun enclave estratéxico e nunha zona na que aínda SEA non ten entrado, e qué mellor que estudalo cun proxecto supramunicipal e con demanda empresarial, que sen dúbida facilitará a dinamización socio económica desta zona”, resaltou.
Así, comprometeuse a que SEA analizará o proxecto que impulsan desde Maside e O Carballiño para valorar a súa viabilidade e a posible implicación da entidade.
Colaboración entre dous concellos
Pola súa banda, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, puxo en valor que hoxe “se deu un paso importante dende o punto de vista da tramitación administrativa” nun “proxecto esencial non só para O Carballiño e Maside senón tamén para vertebrar unha comarca e tentar o equilibrio territorial da Galicia interior, nunha aposta que marca camiños para o futuro, unha aposta de colaboración entre dous concellos, unha aposta de colaboración entre distintas administracións e, en síntese, unha aposta de colaboración polo futuro da Galicia interior”.
O alcalde do Carballiño puxo en valor a boa situación da zona dende o punto de vista das infraestruturas e as boas posibilidades que, a expensas dos informes pertinentes, apuntan cara a “condicións económicas interesantes e asequibles”.
Tamén José Manuel Iglesias destacou que se trata dunha primeira reunión para tentar tirar “para adiante co parque empresarial e o solo industrial que necesita Maside”. “Estamos traballando xuntos en boa dirección para conseguir o ansiado parque supraminicipal para os concellos de Carballiño e Maside”, remarcou.
Dende SEA valorarase esta actuación, do mesmo xeito que se está a facer coas demais que se están a propoñer á entidade, e ante as posibilidades de que exista unha demanda real empresarial, co obxectivo final de contribuir ao “desenvolvemento socio económico de Galicia”, conclui Sestayo.