Xuntanza entre a xerente e o alcalde do municipio pontevedrés
SEA avalía as posibilidades de novo solo industrial na Cañiza
No transcurso da reunión, a xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) Beatriz Sestayo destacou a importancia da industria como sector económico de desenvolvemento do país e para a creación de emprego e, en particular, da industria sostible como aposta de futuro.
A xerente de SEA comprometeuse, ademáis, a realizar unha visita á Cañiza para poder coñecer de primeira man as posibilidades do concello, que conta cunha “situación estratéxica” en Galicia e, en concreto, na provincia de Pontevedra.
Pola súa banda, o alcalde da Cañiza, Luis Piña, resaltou que a reunión xurdiu a petición propia co obxectivo, en primeiro lugar, de coñecer o marco competencial de SEA, dentro do interese do concello de valorar e estudar as posibilidades empresariais e industriais do municipio. Piña transmitiu o interese municipal no asentamento industrial e nas posibilidades de dispoñer de solo empresarial, tendo en conta ademáis a situación “privilexiada” do concello, en plena arteria da A-52, equidistante de Ourense e Vigo e moi próximo do futuro porto seco.
Actualmente, A Cañiza dispón de tres espazos industriais, dos que dous foron promovidos polo Concello e un terceiro, a piques de arrincar, promovido por iniciativa privada. Aínda así, “de cara ao futuro, estamos interesados no asentamento empresarial e na futura creación de emprego”.
Sestayo lembrou que Suelo Empresarial del Atlántico xestiona 13 parques empresariais en Galicia, dos cales dous están na provincia de Pontevedra (os de Vilanova de Arousa e Catoira).