Os sindicatos piden ás administracións que fagan viable unha alternativa industrial para a factoría da Mariña
Satisfacción entre sindicatos e Xunta pola sentenza que anula o ERE de Alcoa
UGT-FICA-Galicia saúda e valora "moi positivamente" a sentenza que ven de ditar o TSXG declarando nulo o ERE de Alcoa ao entender que a empresa actuou con mala fe nas negociacións. Así, Alcoa está obrigada a reincorporar ós traballadores afectados e aboarlles os salarios deixados de percibir polo despedimento. UGT-FICA-Galicia recoñece "a valentía da Sala do Social do TSXG que foi capaz de comprender en todo momento os argumentos achegados polas organizacións sindicais de que a empresa nunca tivo intención de negociar, a súa única pretensión era pechar e marchar de Galicia".
O sindicato insiste en que, ante esta sentenza, á dirección de Alcoa non lle queda outra que reflexionar e sentarse de novo a negociar pero desta vez co obxectivo de garantir un plan de futuro para a factoría da Mariña e o mantemento dos postos de traballo.
Ás administracións, UGT pídelles coordinación e un traballo conxunto para garantir que Alcoa continúe a producir na Mariña porque o sindicato insiste en que está claro que Alcoa ten futuro e entre todos os actores implicados hai que traballar por este futuro.
A CIG tamén acolle con enorme satisfacción a decisión do TSXG de declarar a nulidade do ERE de Alcoa. A sentenza confirma que a nulidade debía ser o resultado final deste proceso "debido á mala fe amosada pola empresa durante todo o período de negociacións, como consecuencia da interpretación máis regresiva da reforma laboral".
Pero esta resolución tamén evidencia a necesidade de que o Goberno e a Xunta actúen "de forma decidida no camiño de apartar a Alcoa da xestión da fábrica como única garantía real da continuidade industrial e do mantemento de todos os postos de traballo", sinala a central nun comunicado. "Tal e como se reflicte na sentenza do TSXG, Alcoa ten tomada unha decisión e non quere que se siga producindo aluminio primario na Mariña. Por iso, é preciso iniciar xa o proceso para a intervención pública e impedir deste xeito que a empresa poida levar adiante o seu plan de desmantelamento pola vía dos feitos consumados", asevera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
O secretario xeral de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, considera esta data como "un gran día para a clase traballadora galega". O dirixente sindical salienta a longa loita dos últimos meses, caracterizada pola unidade sindical, pola unidade social na Mariña, pola unidade institucional en defensa da continuidade da factoría. "Benvidas sexan tamén, as resolucións xudiciais a esa unidade en defensa do emprego na Mariña", apunta Sarmiento.
Para Sarmiento, quedou constatado que Alcoa "obrou de mala fe e persegue intereses espurios", e empraza as Administracións públicas a "facer viable unha alternativa industrial que garanta o emprego na comarca da Mariña".
Boa nova para a Xunta de Galicia
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, cualificou de boa nova a sentenza do TSXG que declara nulo o ERE de Alcoa e agarda que a empresa volva agora á senda do diálogo para negociar a venda da planta.
“É unha boa nova para as 524 familias que durante todos estes meses levan traballando e loitando para conseguir este obxectivo de manter os postos de traballo e a actividade industrial”, asegurou ao tempo que quixo recoñecer e agradecer o esforzo conxunto realizado polo comité de empresa e das administracións.
Conde incidiu en que Alcoa debe rectificar e traballar na venda da planta, sobre todo sabendo que hai un operador disposto a investir e que quere manter a actividade. Deste xeito, explicou, poderíase dar unha solución tanto aos traballadores como á comarca tendo en conta, ademais, que se trata dun “sector estratéxico para a economía galega que temos que defender”.
O vicepresidente segundo tamén indicou que o fallo –que dá a razón á autoridade laboral– supón “volver ao día un”, polo que é o primeiro paso para reactivar o diálogo, atopar puntos de entendemento e pechar un acordo.
Conde finalizou subliñando que Alcoa é para A Mariña e para Galicia unha empresa estratéxica e que a Comunidade non está disposta a perder a súa posición nun sector de peso como o do aluminio polo que o obxectivo segue sendo manter o emprego e a actividade industrial da planta.