Alternativa para reducir as emisións de CO2 á atmosfera
Representantes de empresas ambientais visitan a principal planta de bioetanol de Galicia
Viratec, o Clúster galego de solucións ambientais e economía circular, reuniu este venres a unha trintena de representantes de empresas galegas para coñecer as instalacións de Bioetanol Galicia, unha das principais plantas de produción de bioetanol en España e a máis importante de Galicia.
Na visita, os membros de Viratec coñeceron de primeira man as instalacións e o proceso produtivo que desenvolve na planta de Teixeiro o grupo Vertex Bioenergy, líder na produción de bioetanol en España e Francia.
O bioetanol é unha fonte de enerxía renovable e limpa que reduce as emisións de CO2 e de axentes contaminantes á atmosfera, axudando na loita contra o cambio climático.
Antonio Vallepir, CEO de Vertex Bioenergy, sinalou que “actualmente o bioetanol é a ferramenta máis eficaz da que dispón España para descarbonizar o sector do transporte sen necesidade de realizar fortes investimentos no desenvolvemento de novas infraestruturas de subministración nin achatarrar a totalidade dos vehículos de gasolina que circulan polas nosas estradas”.
O director de planta, Noé Pestonit; o director de Calidade, Medio Ambiente e Sostibilidade de Vertex, Antonio López-Perales; e a técnica de Desenvolvemento de Negocio e Enxeñaría, Margarita López, foron os encargados de presentar a compañía nesta visita, na que tamén participaron o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, e o concelleiro de Medio Ambiente, Xuventude e Infraestruturas, Iván Maques.
Finalmente, José Ramón Freire, director xeral da Asociación Española de Bioetanol (Bio-E), salientou que “no proceso de biorrefino sepáranse os distintos compoñentes das materias primas en produtos elaborados: alimentos, enerxía, bioetanol, biomateriais, etc., e desta forma, o agricultor non compite en prezo cos países con menores custos de man de obra, que normalmente venden en bruto as colleitas.
Compromiso coa investigación e innovación
Bioetanol Galicia, pertencente ao grupo Vertex Bioenergy, facturou 264 millóns de euros no ano 2022 e actualmente emprega a 110 traballadores de xeito directo e a máis de 500 de xeito indirecto.
Vallepir destacou que “reducimos as emisións dos gases de efecto invernadoiro nun 75 % en comparación coa gasolina e producimos unha proteína concentrada de excelente calidade para alimentación animal que noutro caso deberíamos importar. Os nosos obxectivos son dar solucións limpas ao transporte, favorecendo a independencia enerxética e alimentaria e aproveitando os recursos dos que dispón o noso país. Non se pode falar de España baleirada e darlle as costas ás posibilidades que nos ofrece o sector agrogandeiro español”, asegurou o directivo.
A empresa fai unha aposta clara pola investigación, o desenvolvemento e a innovación, e na actualidade está a colaborar co Porto da Coruña no desenvolvemento de biocombustibles de segunda xeración, xeración de hidróxeno e no aproveitamento de refugallos agrogandeiros e forestais para a obtención de biometano e a mellora da eficiencia enerxética da instalación.