Aglutina sectores que ata o de agora non contaban con convenio propio
O primeiro convenio do comercio vario de Pontevedra beneficiará 13.000 traballadores
O convenio do comercio vario da provincia de Pontevedra aglutina distintos sectores comerciais, algúns tan pequenos que non tiñan patronal representativa coa que se puidese negociar. Así mesmo, había outros con convenios que levaban caducados ata dez anos. A inclusión de todos estes colectivos no ámbito do novo convenio "supón unha mellora indubitable das condicións e tamén máis forza para a defensa axeitada dos seus dereitos", sinala o sindicato.
Novidades do convenio
Entre as novidades que trae este convenio está a percepción de todo o salario en caso de baixa médica e os límites á contratación temporal, "cuestións que contribúen enormemente a dignificar as condicións neste sector", sinala CCOO.
Canto ás condicións agora pactadas e asinadas, o convenio terá unha duración de tres anos (2022, 2023 e 2024), actualiza a clasificación de categorías profesionais —con definición de funcións e mecanismos de promoción— e define as quendas de traballo de mañá e tarde (de 07:00 a 16:00 e 14:00 a 22:00).
No aspecto económico, páctanse incrementos salariais do 6,5 % para o 2022, 3 % para o 2023 e 3 % para o 2024. Así mesmo, acórdase unha paga de 400 euros non consolidables que pode aboarse de xeito fraccionado nun período máximo de catro meses desde a publicación do convenio. Ademais, as táboas salariais serán revisadas con carácter retroactivo o 31 de decembro do 2024 se a suma dos IPC reais de 2023 e 2024 supera a suma dos incrementos salariais dos mesmos anos (6 %), cun máximo do 10 %; polo tanto, a revisión salarial máxima será do 4 % (o 6 % dos exercicios 2023 e 2024, máis un 4 % como tope).
Outras cuestións recollidas son as pagas extras —haberá catro: marzo, xuño, setembro e decembro—; o traballo en domingos e festivos; as excedencias; ou, como xa se indicou, o pagamento de todo o salario en caso de incapacidade temporal.
Límites á temporalidade
En materia de contratación, o persoal fixo-descontinuo deberá ser chamado como mínimo catro meses a xornada completa, con aviso previo de 15 días e consolidación do tempo traballado que supere os catro meses de referencia nun período de tres anos. Este persoal terá prioridade de incorporación antes de concertarse contratos de duración determinada ou temporal e tamén para ocupar vacantes permanentes indefinidas.
Canto á contratación a tempo parcial, a xornada mínima deberá ser de 24 horas semanais e a máxima de 30 no caso das empresas con menos de 14 traballadoras e traballadores. As que superen ese limiar deberán ter unha xornada mínima de 27 horas, coa mesma máxima. Non poderá haber distribución irregular da xornada. Por último, este persoal terá prioridade á hora de ocupar vacantes a tempo completo.
Sectores incluidos no convenio do comercio vario
O convenio do comercio vario da provincia de Pontevedra aglutina a venda polo miúdo de tecidos en xeral; venda por xunto de tecidos en xeral; pezas confeccionadas, alfombras e tapices; paquetaría; mercería; quincallaría; comercio polo miúdo de xoguetes, artigos deportivos, comercio de bazares, artigos de agasallo, adorno e reclamo; tendas denominadas de miniprezos e similares e, en xeral, as dedicadas ao comercio de artigos múltiplos sen predominio dentro do mesmo establecemento; comercio da pel; comercio de calzado e as que no futuro se encadren ou agora non teñan convenio de referencia.