Informe 2015 do Observatorio Urbano

Pontevedra, unha das cidades galegas con maior nivel socioeconómico

Vén de presentarse o Observatorio Urbano de Pontevedra, un informe que constata que a capital pontevedresa é a cidade coa poboación máis nova e mellor formada, cunha boa evolución do paro e de creación de empresas e a mellor cohesión social das sete grandes cidades galegas.

Pontevedra, unha das cidades galegas con maior nivel socioeconómico
Presentación do informe socioeconómico 2015 do Observatorio Urbano de Pontevedra.
Presentación do informe socioeconómico 2015 do Observatorio Urbano de Pontevedra.

Anabel Gulas, concelleira de Promoción Económica e da Cidade, departamento que encargou o traballo, sinala que "os datos a nivel global son bos e alentadores a nivel demográfico”. A edil pontevedresa ve no traballo da Universidade de Vigo, dirixido polo profesor Pedro Figueroa, un informe de 250 páxinas que recolle 185 indicadores básicos, unha ferramenta útil para avanzar no desenvolvemento da cidade. “Agora temos unha visión obxectiva, un sustento cuantitativo para avaliar e deseñar políticas de actuación e corrixilas se é preciso” subliñou.

É unha opinión compartida polo director do Observatorio, Pedro Figueroa, quen resumía a diagnose nos seguintes termos: “ Pontevedra ten (respecto ás outras cidades galegas) unha posición xeral media-alta, cun 83% de indicadores positivos, especialmente no referente á cohesión social e a indicadores demográficos e económicos como os da evolución do emprego ou a creación de empresas”.

A evolución do paro e do emprendemento, por unha banda e o alto nivel de formación da poboación, por outra son cuestións que sorprenderon en positivo ao investigador universitario. Tamén amosou a súa sorpresa polo nivel medio de renda: “pensei que era máis alto pola forma de vivir e o nivel de consumo dos pontevedreses”.

Segundo os datos recollidos, algúns cun histórico de entre 5 e 10 anos, Pontevedra tamén aparece ben situada no ránking en canto á débeda do Concello, soamente por detrás de Vigo.

Ademais de estar colgado na web do Concello e accesible a todo o mundo, o informe será entregado no mes de febreiro ao Consello Económico e Social (CES) para poder “analizar con datos obxectivos a realidade socioeconómica da cidade e ver cal é o taboleiro do xogo”, explicou Gulías.
 
 

Pontevedra, unha das cidades galegas con maior nivel socioeconómico