Elaborado pola Zona Franca
Ponteareas terá o seu propio plan estratéxico
Cristina Fernández Davila sinalou que “esta colaboración entre distintas institucións é un exemplo claro de sumar os recursos públicos para conseguir un beneficio para a cidadanía. Este acordo permitirá a elaboración dun Plan Estratéxico que facilitará ao noso Goberno datos reais sobre o tecido empresarial actual, unha información fundamental para a toma de decisións de cara a impulsar novas actividades que posibiliten o crecemento económico, a xeración de emprego e a sostibilidade no noso municipio”.
Pola súa banda, trala aprobación recente do PXOM, a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández, considera “prioritario e necesario ter unha análise exhaustiva da capacidade empresarial, do tecido e das oportunidades que podemos brindar dende o Concello. Agradezo persoalmente a implicación e colaboración de Zona Franca, a través do seu delegado David Regades. Esta será a primeira actuación para comezar o camiño da reactivación económica que tanto precisamos”.
Obxectivos do plan estratéxico
O plan estratéxico de Ponteareas incluirá unha exhaustiva diagnose territorial, os obxectivos estratéxicos e unha folla de ruta con actuacións específicas, claras e realistas para a mellora da competitividade económica e a calidade de vida na comarca do Condado, na que o concello de Ponteareas ten un peso significativo.
Entre os obxectivos están establecer as directrices para unha estratexia que supoña un proxecto a longo prazo, facilitar a transformación e o cambio cara a retos futuros, aproveitar as sinerxias e o potencial do territorio, así como as posibilidades de colaboración público-privada, definir actuacións específicas que supoñan un impulso definitivo para o crecemento económico e articular liñas de actuación, acordes coa Estratexia Española de Desenvolvemento Sostible, Axenda 2030.
O plan ten sete fases: diagnóstico estratéxico, workshops, estudo de casos de éxito, liñas estratéxicas, plan operativo, propostas de colaboración e monitorización para o seu cumprimento.