A actuación require un investimento de 528.000 euros
Ponteareas dá luz verde ao proxecto do Centro de Dinamización Empresarial
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ponteareas vén de aprobar o proxectos da posta en marcha do Centro de Dinamización Empresarial, que será cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’.
O proxecto de reforma e acondicionamento das plantas segunda e terceira do edificio situado na Praza Maior de Ponteareas para o seu uso como Centro de Dinamización Empresarial permitirá “ofrecer á veciñanza un lugar para traballar e crecer”, como salientan desde o Concello pontevedrés. Haberá, con espazos de traballo para emprendedores, coworking e viveiros de empresas; unha oficina de asesoramento; zona de formación ou unha oficina Smart Peme, entre outras.
Coa posta en marcha destas instalacións estamos ofrecendo novas ferramentas a todas aquelas persoas que están pensando en emprender ou traballar por conta propia, pero tamén para todas aquelas que xa están establecidas e precisas novos espazos para seguir avanzando e crecendo. Este centro suporá un importante pulo para o desenvolvemento de iniciativas empresariais”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.
Cunha dotación económica de 528.000 euros, este proxecto permitirá “dotar o edificio con servizos deseñados para o impulso da actividade económica e o fomento do emprendemento, pensando nas necesidades que poidan ter persoas autónomas e emprendedoras, empresas...”, destaca a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote.
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o proxecto de ampliación da rede pública urbana de calor con biomasa a tres edificios que albergarán novos servizos municipais: o Centro de Dinamización Empresarial, o Centro Cívico e a Caixa da Música. A actuación, tamén cofinanciada polo Feder, contará cunha dotación económica de 312.000 euros.