Análise de UGT
A poboación galega en idade laboral descendeu en case 40.000 persoas na última década
A poboación en idade laboral descendeu en Galicia en 39.400 persoas na última década, entre o primeiro trimestre de 2007, antes da crise, e o mesmo período do 2017, segundo recolle o sindicato UGT nun informe.
Galicia atópase á cabeza do grupo de comunidades autónomas que perden poboación, só superada en termos absolutos por Castela e León, con 88.300 persoas menos. En termos relativos, Galicia (-1,65%) é a terceira comunidade con maior perda, superada de novo por Castela e León (-4,09%) e Asturias (-4,01%).
Unha tendencia que resulta "moi preocupante", valoran desde UGT-Galicia, e que atribúen a dúas causas: "o efecto poboación dunha pirámide cada vez máis truncada e envellecida" e "un mercado laboral deficitario en oportunidades de futuro que obriga a moitos a saír fóra e impide sumar novos efectivos procedentes doutras comunidades ou países".
Outra das características do mercado laboral galego é que a baixada da poboación repártese de xeito desigual entre poboación activa (a suma da poboación ocupada e a parada) e poboación inactiva. Afectando con máis intensidade á primeira, xa que a activa baixa en 26.200 persoas, fronte ás 13.100 da inactiva."Todo isto significa que dez anos despois do comezo da crise Galicia conta cun mercado de traballo máis pequeno, a caída en 26.200 persoas da poboación activa é froito da conxugación dun descenso de 132.000 persoas ocupadas e un incremento do desemprego en 105.800 persoas", explica o sindicato.
Como consecuencia do anterior, a taxa de ocupación, que reflicte o número de persoas ocupadas en relación ás persoas activas, pasou do 48,8% en 2007 ao 44% en 2017.
Por idades, recuperouse a poboación ocupada dende o momento previo á crise en termos absolutos entre as persoas maiores de 55 anos (con 34.100 máis na actualidade en relación ao 2007); entre os 45 a 54 (con 20.100 máis); e de 35 a 44 anos (con 8.200 máis). Pola contra, o tramo de 25 a 3 anos perde 141.200 persoas ocupadas; o de 20 a 24, baixa en 38.100; e entre os 16 e 19 anos descende en 15.100 persoas ocupadas.
UGT sinala que é a Xunta de Galicia a quen lle corresponde mudar o rumbo desta realidade social, económica e laboral, e por iso úrxelle “políticas que aposten por un novo contrato social, cun plan de choque polo emprego, loitando contra a precariedade, defendendo a igualdade efectiva entre homes e mulleres e avanzar no deseño dunha alianza polo sector industrial galego”.