O administrador concursal informou da existencia de oito ofertas de compra
O plantel de Ganomagoga acepta transformar o ERE en ERTE mentres se negocia a venda do grupo
O cadro de persoal do Grupo Ganomagoga (Talleres Ganomagoga, Logistic, Aplimega e Cedval) aceptou hoxe a proposta do administrador concursal de transformar o ERE extintivo nun ERTE mentres se desenvolve o proceso de venta das distintas empresas co obxectivo de manter o maior número de empregos.
As asembleas de traballadores das empresas do Grupo Ganomagoga aprobaron este mércores por unanimidade a medida unha vez que se lles trasladou a existencia de oito ofertas de compra do grupo, cinco por escrito e tres verbais. “En consecuencia, mañá mesmo asinaremos a acta para que o administrador concursal presente o ERTE no xulgado no menor prazo posíbel”, expoñen desde a CIG, que preside o comité de empresa.
Segundo explican desde o sindicato, o administrador concursal do grupo con centros de traballo en Ponteareas, Vigo, Mos e O Porriño comunicou este martes as ofertas e a posibilidade -xa apuntada anteriormente pola representación sindical- de renunciar ao ERE extintivo para todo o persoal (188 empregados entre as catro empresas do grupo) e acollerse a un ERTE de catro meses mentres non se concreta a adquisición. “Neste tempo haberá que definir se a venta se fai globalmente ou por partes e determinar os empregados/as que serán subrogados/as, co obxectivo de manter o maior número de postos de traballo”.