A conselleira de Emprego e Igualdade dou conta dos detalles no Parlamento galego
O Plan de rescate da Xunta para autónomos e microempresas estará dotado con 79 millóns
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, compareceu no Parlamento de Galicia para dar conta das principais liñas do Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e microempresas que, segundo afirmou, sairá publicado no Diario Oficial de Galicia neste mes de novembro.
A conselleira de Emprego e Igualdade explicou que a iniciativa está dotada con 79 millóns de euros para chegar a 30.000 autónomos e 10.000 microempresas e que inclúe tres liñas de axudas: para autónomos, paramicroempresas ou autónomos con persoal contratado ao seu cargo e unha específica para o sector da hostalería que se vexa obrigado a pechar a súa actividade ao público por decreto das autoridades sanitarias. María Jesús Lorenzana sinalou que o obxectivo deste Plan é apoiar aos traballadores galegos para que poidan manter o seu emprego e facer fronte aos efectos da crise sanitaria, pero tamén impulsar a recuperación e garantir a estabilidade dos negocios máis afectados.
As diferentes axudas son compatibles entre si, polo que, segundo engadiu a titular de Emprego e Igualdade, os hostaleiros poderán recibir axudas directas de entre 2.200 e 7.200 euros. O único requisito que pide a Xunta é que o negocio estea situado nun dos concellos que teña decretado o peche da súa actividade.
Lorenzana tamén destacou o contacto fluído e permanente que mantén o seu departamento coas asociacións da Mesa do Emprego Autónomo e sindicatos e patronal no marco do Diálogo Social. Aclarou que, por exemplo, os CNAES de actividades consideradas como especialmente paralizadas incluídos no Plan, que se poderán beneficiar dun maior apoio económico, foron negociados e consensuados cos principais interlocutores socias e económicos da Comunidade.
Tramitación
A tramitación dos apoios previstos no Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e microempresas será áxil e sinxela para que cheguen canto antes aos sectores máis afectados, indicou a conselleira. Por iso, o único requisito que se establece é a presentación dunha declaración responsable por parte do solicitante da axuda. Ademais, os requisitos melloran aos esixidos polo Estado no Real Decreto Lei 30/2020, de 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego, xa que as axudas para autónomos poderán beneficiar aos que presenten unha caída da facturación do 50% (fronte ao 75% que establece o Real Decreto Lei);e os establecementos hostaleiros pechados que continúen efectuando reparto de comida a domicilio ou de recollida no local poden optar ás axudas (mentres o Estado restrinxe o acceso á subvención a unha suspensión da actividade do 100%).
A conselleira aproveitou a intervención para pedir ao Goberno central que pasado o día 31 de xaneiro continúe prorrogando os ERTE activos ata que mellore a situación ou, como mínimo, mentres dure o estado de alarma.