Aprobadas as bases para 2017-2018
O Plan Foexga financiará 70 accións de internacionalización que beneficiarán a 300 empresas galegas
O Consello da Xunta aprobou este xoves as bases do Plan de fomento das exportacións galegas (Foexga) para 2017 e 2018.
O Plan Foexga contará cunha achega pública de 1,4 millóns de euros para impulsar as vendas no exterior de arredor de 300 pemes e autónomos galegos. Os beneficiarios deste programa poderán acollerse a arredor de 70 accións de internacionalización, entre as que se encontran misións comerciais directas no estranxeiro, así como a presenza en feiras e noutros eventos expositivos. A Consellería de Economía, Emprego e Industria cobre, a través do Igape e contando con cofinanciamento dos Feder, o 90% dos custos; corresponde o 10% restante ás achegas dos participantes.
Como principal novidade, poderán beneficiarse destas axudas, ademais das empresas, os autónomos que buscan comezar ou reforzar a súa internacionalización.
A iniciativa, que se desenvolve en colaboración coas cámaras de comercio galegas, que organizan e coordinan as accións, ten entre os mercados prioritarios para esta convocatoria Alemaña, China, Portugal, Brasil, Colombia, Cuba, Emiratos, Estados Unidos, Marrocos, México, Perú, Reino Unido, Canadá, Chile, Francia, India, Israel, Italia, Rusia, Xapón, os países da Africa subsahariana e países de mercados multilaterais, así como outros lugares para os cales se xustifique a idoneidade do mercado para as empresas galegas.