A falta de redactar o documento final, entre outubro e novembro
O Plan Estratéxico de Turismo da provincia de Pontevedra contempla a necesidade de actuar nas infraestruturas e conexións co aeroporto
A Deputación de Pontevedra presentou este xoves na súa sede en Vigo as conclusións da fase de concertación do Plan Estratéxico de Turismo para a provincia de Pontevedra para os anos 2017-2020.
No acto participou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que estivo acompañada polos deputados Chelo Besada, Javier Dios, Montse Magallanes e Uxío Benítez, e estiveron presentes rexedores e concelleiros do sur da provincia e representantes do sector empresarial turístico, Para esta primeira fase, a institución provincial consultou aos concellos e á industria turística para coñecer a situación real do destino Rías Baixas e, unha vez postas en común todas as conclusións desta análise, establecer as bases das accións que se incluirán no documento final.
Na elaboración deste plan participaron 54 dos 61 concellos pontevedreses e o 100% das empresas ás que se solicitou a súa participación, a través de mesas de traballo, enquisas, entrevistas e reunións, co obxectivo de identificar as potencialidades, debilidades, afoutezas e oportunidades da provincia a nivel turístico. "A partir de aí imos elaborar o Plan de forma inmediata, en outubro e novembro, para o que volveremos convocarvos cunha proposta para validar, ampliar e modificar o documento" que só se pode desenvolver deste xeito, sinalou Carmela Silva, "para que os recursos que poñamos á súa disposición teñan os resultados pretendidos".
Un sector que representa 40.000 empregos
Non en van, Silva lembrou que o turismo xera 40.000 empregos, tivo 2.000 millóns de euros de facturación en 2016 e supón o 11% do PIB galego. "Temos que garantir a sustentabilidade, que o noso territorio manteña a súa riqueza, ofertar servizos de calidade moito máis amplos e ligados a todo o territorio, diversificar o territorio, traballar para a desestacionalización e facer un traballo de coordinación entre todas as administracións". Ao respecto disto último, a presidenta pontevedresa asegurou que "trátase de non dedicar recursos cada quen pola súa banda xa que, no canto dun efecto multiplicador, isto provoca un efecto de resta" e asegurou que "o Plan será un éxito porque, antes de ser aprobado, preguntarémonos que é o que achega cada quen nas accións que se contemplarán no documento".
Carmela Silva sinalou algunhas das necesidades contempladas nas conclusións ás que chegou o conxunto do sector turístico, como a de actuar nas infraestruturas e nas conexións co aeroporto que acurten os tempos de chegada desde distintos puntos estatais e internacionais. A presidenta provincial tamén valorou positivamente "a consciencia do propio sector privado da necesidade de coidar a relación entre calidade e prezo para non provocar efectos negativos a longo prazo", a necesidade de "potenciar as experiencias da páxina web www.turismoriasbaixas.com para relacionarse entre si e poder ofertas paquetes" e a "enorme potencialidade que nos dá ser un territorio transfronteirizo con Portugal", no que sinalou "a creación dunha AECT liderada pola área de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra a través do deputado Uxío Benítez" ou propostas desde os ámbitos locais como o de "construír unha ponte peonil entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira".
A Deputación de Pontevedra volverá colaborar cos concellos e o sector privado da provincia para volver analizar estas conclusións antes do inicio da redacción do documento final, un Plan Estratéxico de Turismo para a provincia de Pontevedra que se elabora por primeira vez para o destino Rías Baixas. Ademais, en novembro publicaanse os resultados dunha enquisa entre os visitantes "para saber o que opinan e que non teñamos unha imaxe distorsionada do noso destino Rías Baixas", adiantou Silva.