Fixa mobilizacións para setembro
O persoal de Xeal reclama á empresa un plan industrial e de viabilidade
A primeira das protestas terá lugar en Santiago o xoves 15 de setembro, cunha manifestación que sairá ás 11:00 horas da entrada principal do edificio administrativo da Xunta e rematará diante das oficinas de Augas de Galicia.
A esta mobilización seguiralle outra concentración o xoves 22 diante da entrada da fábrica de Brens (Cee), ás 14:15 horas. E para o día 29 de setembro, o persoal repetirá manifestación en Santiago de Compostela co mesmo horario e percorrido.
Con estas mobilizacións os traballadores queren reclamar da dirección de Xeal que presente de inmediato un plan industrial e de viabilidade das fábricas, "tendo en conta que as actividades de xeración de enerxía eléctrica e de fabricación de ferroaliaxes forman unha unidade produtiva única; así como que restableza e fixe un número mínimo de cadro de persoal en relación ao nivel de emprego existente no ano 2019", salienta o persoal a través dun comunicado.
Os traballadores recordan que dende a chegada do fondo de investimentos Sixth Street Partners e Ithaka "destruíronse máis de 30 postos fixos e aproximadamente 80 eventuais e a industria auxiliar practicamente desapareceu" e que na actualidade "só hai un forno en funcionamento en cada unha das fábricas".
Mobilizacións fronte a Augas de Galicia
Por este motivo, a asemblea de traballadoras e traballadores acordou levar tamén as mobilizacións fronte a Augas de Galicia, para que o organismo público lle esixa á empresa "un plan de viabilidade que contemple un incremento do emprego no complexo enerxético industrial, na mesma proporción que o aumento do caudal de auga solicitado para subir a produción de electricidade e deste xeito dar debido cumprimento á cláusula esencial das concesións".
Con este calendario de protestas o persoal quere tamén reclamar a aplicación do convenio colectivo de Xeal Cee Dumbría Centrais Hidroeléctricas, actualizado.