As mobilizacións proseguirán a semana vindeira
Persoal do Sabadell rexeita con protestas en Vigo o ERE e o peche de oficinas
A protesta conxunta desenvolveuse en dúas das oficinas que o Sabadell ten en Vigo: na da rúa Colón 26, de 11:00 a 11:30 horas, e na de Policarpo Sanz 3, de 11:30 a 12:00 horas. Alí despregaron unha faixa na que se podía ler “Non ao ERE no Sabadell” e berraron consignas como “Non hai motivos para os despidos” ou “Sabadell escoita, estamos en loita”.
Ao tempo que se desenvolvían as mobilizacións, na reunión deste xoves da mesa negociadora a dirección fixo unha "tímida" proposta de rebaixa de despidos (de arredor de 200), que concretará na vindeira xuntanza que terá lugar o martes.
Segundo explican dende a sección sindical da CIG no Sabadell, o banco, seguindo o camiño marcado por outras entidades, presentou un ERE para despedir en todo o Estado 1.936 persoas máis, despois de despedir outros 1.800 traballadores no primeiro trimestre do ano. As xustificacións, segundo explica o secretario da sección sindical da CIG, Andrés Río, son iguais que as dos demais.
Entre outras cuestións a entidade alega a maior dixitalización da clientela, que a CIG cualifica de “forzada e inmoral”, para a que aproveitaron a situación de pandemia que vivimos desde o ano 2020, cando, afirman, “a clientela o que demanda é atención presencial”. Como demostración Río apunta as longas colas e a sobrecarga de traballo que se acumula nas oficinas. “Expulsan á clientela das oficinas para xustificar despedimentos”, lamenta. Xunto a isto explica que o banco di que ten unha baixada de marxes e de rendibilidade, “mentres acribillan a comisións aos e ás clientes e restrinxen servizos, ao tempo que declaran beneficios de 220 millóns de euros no primeiro semestre deste ano, un 51% máis que o ano pasado”. Por iso considera que “a única meta do Banco Sabadell é repartir un dividendo do 30% do beneficio ao seu accionariado”, tal e como asegurou nos medios de comunicación o propio conselleiro delegado da entidade, César González-Bueno
Para a sección sindical da CIG, o que busca o banco é unicamente reducir custos, mais recortando só os gastos de persoal, “que é quen produce os beneficios”. Nese sentido apuntan a contradición de terse a entidade desfeito de 1800 persoas a principios deste ano para contratar 200 persoas despois “porque non daban feito co traballo”.
Calendario de mobilizacións
Diante disto, as centrais sindicais elaboraron un calendario de mobilizacións que comezou o pasado xoves 23 en Santiago, que hoxe tivo continuidade en Vigo, e que, na vindeira semana, inclúe paros en todas as oficinas o luns 4 e martes 5 de outubro, folga de 24 horas con manifestación na Coruña o mércores 6, e folga e manifestación en Compostela o venres 8.