Impulsada pola Asociación Galega Terra e Leite
O Parlamento de Galicia aproba unha declaración institucional de apoio ao sector lácteo
Os catro grupos parlamentarios con representación no Parlamento galego veñen de aprobar unha declaración institucional a prol do sector lácteo galego.
A declaración, impulsada pola Asociación Galega Terra e Leite, transmite o compromiso do Parlamento de Galicia para apoiar un sector estratéxico na comunidade, que ademais do seu achegamento económico resulta de vital importancia como piar do sostemento demográfico do rural galego.
O acto foi celebrado no Hemiciclo da Cámara e foi o propio presidente do Parlamento Galego, Miguel Santalices, o encargado de dar lectura á Declaración Institucional, na que se resalta que o sector lácteo achega o 1,7% do PIB galego "pero ten un impacto real na economía moi superior polo forte encadeamento con outras ramas de actividade".
No texto recóllese que o sector sufriu unha profunda reestruturación desde a incorporación á Unión Europea, pasando das 100.000 explotacións en 1985 a menos de 8.000 na actualidade. Neste período os gandeiros galegos fixeron un enorme esforzo: aumentaron o tamaño, melloraron a xestión e o nivel técnico das explotacións e multiplicaron por máis de dous o volume de entregas ás industrias (de 1,24 millóns de toneladas de 1985, pasouse a máis de 2,7 millóns no ano 2018). Hoxe Galicia produce case o 40% do leite do Estado, e está dentro das dez primeiras rexións produtoras de Europa.
Problemáticas do sector e solucións propostas
A declaración fai tamén referencia aos problemas do sector lácteo "nos que cómpre traballar xuntos para garantir o seu futuro, baseado preferentemente en granxas de base familiar, e así manter o equilibrio territorial e ambiental de Galicia".
"No eido da produción as explotacións teñen que aumentar a súa base territorial, reducir os custos e evitar a dependencia dos insumos comprados nos mercados internacionais, que van estar suxeitos a unha gran volatilidade, ao igual que os prezos do leite. Para iso é necesario fortalecer instrumentos como o Banco de Terras e abordar unha reforma lexislativa ambiciosa, de amplo consenso, que contribúa á mobilización da terra agraria de Galicia", sinala o documento.
Outro dos problemas do sector é o peche de explotacións e a perda de investimento produtivo no rural pola falta de sucesión e de relevo xeracional. Neste senso precísanse medidas orientadas a facilitar a sucesión e incentivar a incorporación á actividade leiteira.
No eido da industria, esta caracterízase "pola súa debilidade estrutural e a súa orientación cara a derivados simples de escaso valor engadido e pola súa incapacidade de transformar en Galicia todo o leite que se produce, premendo á baixa os prezos que reciben os produtores. Por iso cómpre desenvolver accións de política industrial orientadas á implantación en Galicia de proxectos industriais que valoricen o leite e con acceso aos mercados internacionais".
Ademais, e como mecanismo para o fortalecemento conxunto do sector, precísanse medidas para lograr "unha distribución equitativa do valor ao longo da cadea". Concretamente na declaración reclámase "unha modificación do paquete lácteo que elimine as asimetrías existentes nos tres elos da cadea e flexibilizar os requisitos de constitución das Organizacións de Produtores Lácteos".
Por último considérase necesario impulsar o asesoramento, a formación e a investigación como eixes transversais para o futuro do sector lácteo.
Por estes motivos, o Parlamento de Galicia "comprométese a traballar nas liñas anteriores a prol do seu fortalecemento para que no futuro continúe sendo motor de desenvolvemento económico, xerador de valor engadido, investimento e emprego nos espazos rurais de Galicia".