Aumenta un 2,8% con respecto ao deste ano
O Parlamento galego aproba o teito de gasto para 2018
O límite de gasto non financeiro para o próximo exercicio foi aprobado este martes no Parlamento galego co voto a favor do grupo popular e o voto en contra dos tres grupos da oposición.
O teito de gasto para 2018 ascende a 9.487 millóns de euros, un 2,8% máis que o actual orzamento deste ano. Isto supón un incremento de 261 millóns sobre o orzamento actualizado neste 2017, que se suman á consolidación dos 229 millóns de euros incluídos na Lei de impulso ao crecemento económico aprobada en xullo no Parlamento.
Dos 9.487 millóns de euros de límite de gasto, 9.277 son ingresos non financeiros, cun aumento de 379 millóns de euros dos recursos do sistema de financiamento autonómico sobre o exercicio anterior por mor dos efectos da recuperación económica e o aumento dos ingresos tributarios. Outros 190 millóns proceden do déficit e 20 millóns de axustes de contabilidade nacional. Non obstante, a capacidade de gasto será aínda maior pola importante baixada do gasto en xuros da débeda.
Respecto do déficit, en 2018 Galicia volverá reducir o recurso ao endebedamento en 108 millóns, cun déficit previsto do 0,3% do PIB, case a metade que o estimado para o actual exercicio. Isto significa que Galicia volverá cumprir un ano máis os obxectivos de déficit e débeda aprobados no Consello de Política Fiscal e Financeira.
Na presentación do teito de gasto, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, incidiu na aposta do Goberno galego por un modelo de crecemento san baseado na redución progresiva do déficit e do endebedamento, para poder aumentar o gasto en investimento e reforzar o gasto social. De feito, os últimos datos oficiais confirman que Galicia é a segunda comunidade que realiza maior esforzo investidor, e tamén é a que menos incrementou o seu endebedamento durante a crise.
Ademais, lembrou que Galicia é a primeira comunidade que aproba o límite de gasto non financeiro para o vindeiro ano, e informou de que a autonomía poderá chegar a unha capacidade de gasto de 10.000 millóns de euros nesta lexislatura, xa que o escenario que manexa a Xunta é que os ingresos non financeiros continúen medrando de maneira sostida nos vindeiros exercicios. Deste xeito, a prioridade para 2018 seguirá sendo a mellora do mercado laboral, para que a recuperación económica chegue a cada vez máis fogares.
Revisión á alza do PIB galego
Valeriano Martínez tamén explicou a revisión á alza da previsión de crecemento do PIB galego para este 2017, que pasa do 2,4% estimado nos Orzamentos ao 3,1%. Este incremento débese, principalmente, ao mellor comportamento das exportacións galegas e do sector servizos. En canto ao 2018, a estimación do PIB sitúase no 2,7%, por riba do obxectivo do 2,5% fixado no Plan Estratéxico de Galicia para o período 2015-2020.
Ao mesmo tempo, o conselleiro apuntou que a taxa de paro manterá a súa tendencia á baixa, cunha previsión de que neste 2017 se reduza ao 15,6% e no vindeiro ano ao 14%. Esta evolución tamén é coherente coas estimacións do Plan Estratéxico, que prevé a creación duns 100.000 postos de traballo ata o ano 2020.