A principal esperanza, a eólica mariña
Panorama “desalentador” para o metal ferrolán: Asime prevé a perda de 900 empregos directos
O sector metalúrxico xera actualmente uns 3.800 empregos directos na comarca de Ferrolterra, o 72% deles vencellados á industria naval e marítima e ás enerxías renovables. Pero as perspectivas de futuro non son boas, tanto por efectos da covid-19 como polas dificultades que se veñen arrastrando desde fai tempo. O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, calcula que “desde abril 2021 a abril de 2022 se perderán de xeito directo 900 empregos en Ferrol e a súa área de influencia, só no sector metal”. O 90% desta perda de emprego estaría vinculada á industria naval, e o resto a outras actividades, como a planta de Siemens Gamesa en As Somozas ou auxiliares. Unha destrución de emprego que pode aínda ser maior, chegando aos 1.500 postos para xaneiro de 2023", advertiu Mallón.
Recorda Mallón que en Navantia, o principal motor económico da comarca (emprega directa ou indirectamente ao redor de 2.500 traballadores) , prevese un baleiro de traballo a partir do mes de abril, polo que reclama ao Goberno central que impulse o proxecto de Estaleiro 4.0 e constrúa o tan demandado dique seco no estaleiro ferrolán.
Peche de As Pontes e da planta de As Somozas
O secretario xeral da patronal galega do metal tamén se referiu ao anunciado peche da central térmica de As Pontes, e esixiulle ao Goberno central que non permita pechar esta planta sen un proxecto alternativo. “Endesa ten que estar á altura, ten que aportar unha solución, e se non a aporta directamente, entre todos temos que intentar dar esa solución”, afirmou.
Con respecto á planta de palas eólicas de Siemens Gamesa en As Somozas, Mallón amosou algo de optimismo, pola posibilidade de que exista algún proxecto de investimento para a planta. “Non podemos desvelar máis por confidencialidade, tampouco temos a certeza de que eso se produza. É un optimismo moderado e con precaución, pero o ideal sería convencer a Siemens Gamesa de que non peche”, afirmou o secretario xeral de Asime.
Esperanzas na eólica mariña
As únicas luces que se ven no sector metal ferrolán están relacionadas coa eólica mariña. “Confiamos que as máis de 60 empresas vencelladas ao GOE (Galician Offshore Energy Group) podan darnos alegrías”, expuso Mallón, reclamando a creación en Ferrol dun hub de eólica mariña pois “esa cadea de valor existe xa, única en España”.
Logo de facer este repaso ás dificultades que se presentan para a comarca ferrolana, Enrique Mallón reclamou que Ferrol sexa “unha das áreas prioritarias” á hora de captar proxectos financiados cos fondos europeos de recuperación. “Neste momentos de dificultades o Goberno de España debe apostar polas zonas máis deprimidas”, insistiu.