Avanza os primeiros requisitos para que as industrias poidan optar aos 400 millóns de euros
A Oficina Técnica Next Generation Galicia Food explica as condicións do PERTE agroalimentario
Para debullar este programa contouse co subdirector xeral de Áreas e Programas Estratéxicos do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, Ramón Herrero, que anunciou as primeiras condicións da convocatoria como, por exemplo, que será un requisito imprescindible para optar a estas axudas que as empresas se presenten como agrupacións sen personalidade xurídica propia que teñan establecido con anterioridade un acordo de agrupación. De aí que o responsable estatal recomendase ás compañías que, mentres o Ministerio está redactando as bases deste programa, algo que prolongará durante todo o primeiro semestre do ano, vaian pensando en coalicións para optar a estas subvencións e préstamos.
Para ir avanzando nesta busca de socios e valorando as iniciativas que se poderán presentar, as empresas galegas contarán coa axuda da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, unha entidade impulsada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e a Xunta de Galicia para mobilizar proxectos tractores que opten a estes fondos europeos, ao Plan estatal de Recuperación, Transformación e Resiliencia e, en concreto, ao PERTE agroalimentario, co obxectivo de armar unha proposta galega conxunta.
De feito, no webinar interviñeron o xerente de Clusaga, Roberto Alonso; a socia do Sector Público de Ernst & Young e directora da oficina de EY Galicia, Marta Fernández; e o subdirector de Proxectos Tractores do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Santiago Álvarez.
Durante a súa intervención, Roberto Alonso sinalou que “estamos ante unha oportunidade única para apoiar a transición dixital e ecolóxica” para que o sector siga sendo competitivo no mercado global. Lembrou tamén que o sector alimentario en Galicia xera un valor engadido bruto anual de máis de 4.000 millóns de euros, o 7,2% do PIB e máis de 100.000 postos de traballo, un 9,2% do emprego total. Pola súa banda, só a industria alimentaria xera cerca de 10.000 millóns de euros e máis de 34.000 empregos.
Prazos provisionais
O subdirector xeral avanzou os prazos provisionais que se manexan a día de hoxe desde o Ministerio. O obxectivo, segundo Herrero, é rematar a redacción das bases neste primeiro semestre e, a falta de que as condicións se concreten neste documento, adiantou que haberá uns 30 meses para executar os proxectos tractores seleccionados co 30 de setembro de 2025 como límite máximo. Desde Galicia Food destacan que se trata dunha oportunidade irrepetible xa que haberá unha única convocatoria no 2022, que se executará entre o 2023 e o 2025.
O responsable de dar forma a este programa de axudas europeas explicou tamén o tipo de actuacións que se poderán apoiar en cada un dos tres bloques nos que se divide o eixo 1 do PERTE agroalimentario: competitividade, sostenibilidade e trazabilidade e seguridade alimentaria. Todos os proxectos tractores que se presenten deben incluír accións en dous destes tres bloques e un deles debe ser obrigatoriamente o da trazabilidade. Falou, por exemplo, de iniciativas para o marcado e control, tecnoloxía blockchain, etc.
Para impulsar a competitividade búscanse actuacións que avancen na dixitalización como a automatización dos procesos, a implantación da robótica ou de solucións de intelixencia artificial. Entre os proxectos de sostenibilidade inclúense os plans de xestión ambiental conxunta.
En canto ao tipo de axudas, ademais de subvencións, a maior parte dos 400 millóns de euros (ata 250 millóns) repartiranse en préstamos a interese cero con amortización a 10 anos incluíndo tres de carencia. Será obrigatorio cumprir co denominado efecto incentivador marcado pola UE, é dicir, que o proxecto non pode ter empezado antes de facer a solicitude.
Invitación a presentar proxectos
Preto dun cento de compañías e entidades participaron neste webinar organizado pola Oficina Técnica Next Generation Galicia Food para comezar a aclarar conceptos ao redor deste programa que ten como obxectivo a recuperación e transformación da cadea agroalimentaria, impulsando a súa modernización e dixitalización.
Desde a Oficina Técnica convídase a todas as empresas galegas a valorar a posibilidade de presentar ideas de proxectos e lémbrase que esta entidade está á súa disposición para asesorar e resolver calquera dúbida no proceso. En particular, entre as labores desta entidade está a vixilancia e difusión dos fondos de investimento, a análise de convocatorias e programas de financiación, a identificación de oportunidades e articulación dos proxectos tractores e a asistencia e soporte na preparación de propostas.