A manifestación deste martes concluirá no Ifevi
Nova xornada de folga polo convenio do metal de Pontevedra
A xornada reivindicativa iniciarase a primeira hora da mañá diante das empresas do secort, para posteriormente desprazarse até os dous puntos dende os que ás 9:30 horas arrincarán as columnas que confluirán no Ifevi: a empresa Panelfa e o pavillón Loureiro, nos arredores do recinto feiral vigués. Na manifestación participarán ademais traballadores chegados tanto de Pontevedra como das comarca do Salnés e do Deza.
A folga segue adiante unha vez rematou sen acordo a xuntanza celebrada este luns por iniciativa das patronais tras o éxito da primeira xornada de folga celebrada o pasado xoves día 15 e que supuxo a paralización do sector, con especial incidencia no naval. O encontro pechouse sen acordo pola negativa do empresariado a manter a cláusula de revisión salarial conforme ao IPC real, reducir a xornada anual en máis de oito horas e garantir a subrogación do persoal entre empresas privadas, segundo informaron as centrais sindicais.
O secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, incide en que estas tres cuestións “son esenciais” á hora de asinar un acordo que permita desbloquear o conflito. Neste senso, lembra que no caso de que a patronal “non reconsidere a súa posición e achegue unhas propostas que permitan dignificar as condicións laborais das persoas traballadoras do sector” desenvolveranse dúas novas xornadas de folga, previstas para o xoves 22 e para o mércores 28.