Asinan un protocolo de colaboración
Nova alianza entre a CEG e a Eurorrexión para reforzar o desenvolvemento socioeconómico
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, e o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT), Nuno Almeida, foron os encargados de asinar este acordo, nun acto celebrado en Vigo.
A este respecto, Vieites considera que, “aínda que Galicia e ou Norte de Portugal formen parte de países diferentes, as sinerxías compartidas e a identidade común en termos xeográficos e culturais deben derivar na procura de alianzas en clave eurorrexional que nos posicionen sectorial e estratéxicamente a nivel europeo”. Para o presidente da patronal galega, a actuación persegue o claro obxectivo de “promover que a Eurorrexión sexa unha área de atracción de actividade económica e de asentamento da industria” e para conseguilo “debemos aproveitar indubidablemente os fondos chegados de Europa –tanto os Next Generation como o marco financeiro plurianual 2021-2027”. Ambas organizacións comprométense igualmente a traballar para levar a cabo accións que faciliten a eliminación de obstáculos á mobilidade transfronteiriza.
Pola súa banda, Nuno Almeida lembrou que a AECT da Eurorrexión “ten entre os seus obxectivos colaborar coas empresas de ambos os lados da fronteira para fomentar o tecido empresarial na Eurorrexión GNP, a través do coñecemento e a innovación”. Insistiu no “compromiso para colaborar reciprocamente na organización de misións empresariais, seminarios, visitas e mesmo na presentación de candidaturas conxuntas no ámbito do próximo POCTEP 21-27 e doutros programas con financiamento rexional, nacional ou europeo”. Almeida instou os gobernos de España e Portugal “na urxencia de aprobar o Estatuto que regule aos case 15.000 traballadores transfronteirizos da Eurorrexión”.
No acto tamén interveu Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, quen destacou “a experiencia de cooperación da AECT da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, na xestión e dinamización de proxectos europeos conxuntos na Eurorrexión, con exitosos exemplos de colaboración empresarial da CEG coas máis importantes organizacións empresariais do norte luso”. Así o fixo igualmente António Cunha, presidente da Comunidade de Traballo Galicia – Norte de Portugal e da CCDR-Norte, para quen “este acordo de cooperación vén dar máis folgo, profundidade e ambición ao diálogo e relacionamento entre os poderes públicos, rexionais e o tecido empresarial, nun momento moi desafiante para a Eurorrexión”.