Apoiará o desenvolvemento, regulación e expansión da cosmética de Galicia

Nace a Asociación Cosmética Galega

A Asociación Cosmética Galega (ACG), impulsada por 22 compañías con sede en Galicia que se dedican ao deseño e creación de produtos de coidado persoal, nace co obxectivo de “axuntar intereses para compartir coñecemento, experiencia, ferramentas e custos”.


 

Nace a Asociación Cosmética Galega
Representantes dos socios da Asociación Cosmética Galega.
Representantes dos socios da Asociación Cosmética Galega.

A nova asociación, que terá a súa sede no concello de Monterroso (Lugo), agrupa ás compañías socias fundadoras lp10, Chorima, Piel Natura, Blue Silk, Nüür, Naturavia, Amalgama, Nela Biosense, Siolaz, Orixe Cosmetics, Muuhlloa, Rizzola, Segolab Saúde, Alloa, Maruxiña, Pazo Gil Casares, Anainas, De Lú, Acemelia, Esencia Viva, Ozoaqua e Luxor Essentia.

Ariana Fernández Palomo, farmacéutica e impulsora do proxecto Ip10, será a presidenta da asociación que agrupa a firmas galegas “con obxectivos, necesidades e dificultades comúns”.

A entidade busca representar os intereses das firmas que integran a cadea de valor do sector cosmético da nosa comunidade: deseño, formulación, produción, distribución, comercialización ou control.

Equipo directivo e de xestión

A nova entidade asociativa, que recibirá o respaldo do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e do BioPolo da Sionlla, contará co apoio de expertos en diversos ámbitos do asesoramento e consultaría empresarial.

A súa xunta directiva, integrada por 10 membros, estará composta, ademais de pola súa presidenta; polo seu vicepresidente, Miguel Ramón de la Calle; secretario, José Ángel Dopico; tesoureiro, Alejandro Cortizas; e seis vocais: María José Álvarez Quintero, Natalia Silva Martín, Enrique Neira, María Luisa Rodríguez Lama, José Manuel Gómez Amorim e Juan Carlos Pastor.

O comité executivo, con catro integrantes, estará coordinado por Xosé Luis Reza.

Entre outros obxectivos, a asociación encargarase de “incentivar, apoiar e promover o desenvolvemento, regulación e expansión da cosmética galega; mellorar a competitividade dos seus asociados; fomentar a innovación e a investigación ou promover a sustentabilidade”.

Nace a Asociación Cosmética Galega