En 2021 o 50,79% das cooperativas foron iniciativa de galegas

As mulleres promotoras de novas cooperativas superan xa os homes

2021 pechou con máis mulleres (50,79%) promotoras en novas cooperativas que homes, o que constata a "forte perspectiva feminina" na economía social. Así o valorou a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, no acto "Mulleres na economía social".
As mulleres promotoras de novas cooperativas superan xa os homes
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou na clausura do acto "Mulleres na economía social"./CONCHI PAZ.
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou na clausura do acto "Mulleres na economía social"./CONCHI PAZ.

Superouse deste xeito o obxectivo fixado na Estratexia galega de economía social 2019-2021, que era conseguir que a metade das persoas socias promotoras de cooperativas fosen mulleres. Partiuse en 2019 cun 37,7% de mulleres.

Durnate a xornada "Mulleres na economía social", a conselleira  de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, indicou que a Xunta está a poñer en marcha numerosas actuacións que impacten directamente no aumento da participación feminina en todos os ámbitos do mercado laboral galego, garantindo que a participación sexa xusta e en igualdade de condicións respecto aos homes. “Imos polo bo camiño e aínda que debemos poñer o foco en todo o que queda por facer, é importante recoñecer os logros que como sociedade fainos avanzar”, subliñou.

Lorenzana lembrou a importancia da economía social para a Xunta sinalando que Galicia é a única comunidade en contar cunha Lei autonómica de economía social e que recolle, como principio reitor, a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. “A economía social abrazada abertamente á igualdade e á xustiza está chamada a ser unha forza impulsora da visibilización e recoñecemento do traballo feminino, ofrecendo unha gran potencialidade para o desenvolvemento económico sostible que queremos para Galicia”, remarcou.

Campaña

Lorenzana anunciou, por outra banda, o inicio dunha campaña en redes sociais con motivo do 8-M sobre relatos de mulleres galegas na economía social co obxectivo de visibilizar e recoñecer o traballo feminino neste ámbito. Compartiranse os testemuños de María José Manivesa, da cooperativa Agroflor; Susana Roque, da cooperativa Cerne Asesores; Raquel Alvite, do centro especial de emprego Combina Social; e Lourdes Bustamante, da empresa de inserción Laboral Boa Vida. .Catro visións que, en palabras da conselleira, permitirán ser conscientes do que supón medrar profesionalmente como muller e entender que a economía social conecta co rural e coas cidades, facendo “unha Galicia máis humana, solidaria e inclusiva”.


 

As mulleres promotoras de novas cooperativas superan xa os homes