Os días 19, 20 e 22 de xuño
O metal pontevedrés convoca tres xornadas de folga para reclamar un convenio digno
Os paros no sector metalúrxico pontevedrés terán lugar os días 19, 20 e 22 de xuño. Con anterioridade, este xoves día 9, os sindicatos CIG, CCOO e UGT desenvolverán unha concentración diante da sede da patronal Asime en Vigo ás 11.00 horas.
Responsábeis das federacións de Industria dos tres sindicatos en Vigo compareceron en rolda de prensa para explicar que tras nove xuntanzas coa patronal “non hai ningún avance” que permita vislumbrar a posibilidade de chegar a un acordo sobre o convenio antes do verán. Culparon disto ás propostas “irrisorias” achegadas polo empresariado, unhas propostas “insultantes” que “raian a provocación”.
As tres centrais censuran que se siga a insistir nun incremento salarial “ridículo” dun 0,5%, 2% e 2,5% para cada un dos tres anos de vixencia do convenio, sen cláusula de revisión. Mais tamén que se pretenda introducir as ETT no sector, reducir os tres días por nacemento de crianzas, conxelar os valores dos desprazamentos, limitar as vacacións e non aplicarlle ao grupo 1 a suba de soldos que se pacte.
Diante disto, o secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, indicou que “apostamos por adaptar o convenio aos novos tempos, seguindo na liña que se marcou na Coruña, Ourense e Lugo. Isto pasaría por acordar unha serie de medidas que consideramos totalmente asumíbeis, como son introducir unha cláusula de revisión salarial conforme ao IPC; garantir a subrogación do persoal entre empresas privadas; reducir a xornada laboral anual en 24 horas, xa que é unha das máis altas de Galiza; diferenciar as distintas categorías laborais; regular as gardas de traballo; e mellorar as licenzas”.
Os tres sindicatos consideran que se a patronal asume estas propostas a posibilidade de acordo “daría un salto cara a adiante”, pero lamentan o “inmobilismo” do empresariado e a súa “incapacidade” de chegar a calquera tipo de pacto.
“A patronal sabe que non imos permitir o seu ritmo de negociación, sen avances e con xuntanzas de recheo para dilatar o acordo. Temos que chegar a un acordo antes do verán, porque a situación dos traballadores/as é moi dura, tras varios anos co IPC disparado”, rematan.
En consecuencia, agardan que a mobilización do xoves e as tres xornadas de folga convocadas na segunda quincena de xuño fagan “reflexionar” os responsables de Asime, ATRA e Instalectra “e se senten dunha vez por todas coa vontade de chegar a un acordo que dignifique as condicións laborais dos arredor de 30.000 traballadores/as do sector na provincia”.