Esta semana rematará a peritaxe das zonas afectadas polas xeadas
Medio Rural convoca a Comisión Territorial de Seguros Agrarios co obxectivo de fomentar unha maior contratación de pólizas no sector vitivinícola
A Consellería do Medio Rural convocará a próxima semana a Comisión Territorial de Seguros Agrarios para abordar a evolución dos seguros no sector vitivinícola e, en xeral, todo o relacionado co aseguramento en Galicia.
Esta decisión tomouse na reunión de traballo que a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, mantivo co director general da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa), José María García de Francisco, Agroseguro, técnicos da consellería e as denominacións de orixe de viño afectadas polas xeadas.
O obxectivo do encontro era facer un seguimento da situación e buscar, entre todos os implicados, fórmulas para fomentar unha maior contratación de pólizas, moi baixo actualmente na nosa comunidade e centrado ademais na zona de Rías Baixas. Así, entre as medidas acordadas está a de convocar este órgano creado polo Ministerio e composto por técnicos de distintos departamentos de Medio Rural, Agroseguro, Enesa, o Consorcio de Compensación de Seguros e a Delegación do Goberno, así como as organizacións agrarias. No marco da Comisión Territorial crearase un grupo de traballo no que participarán os portavoces dos Consellos Reguladores e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega).
Neste grupo tratarase de compartir información e ir da man do sector para seguir mellorando as pólizas e aumentar a súa aceptación por parte dos produtores, de tal forma que se incremente o grao de aseguramento no ámbito vitivinícola. No que respecta aos produtores que xa teñen seguros contratados, Enesa informou de que esta semana esta previsto rematar a peritaxe nas zonas afectadas para activar as compensacións económicas.
Entre as medidas que se avanzaron no encontro tamén está a de que representantes de Enesa e Agroseguros ofrezan charlas organizadas por cada Consello Regulador para informar de primeira man aos viticultores interesados e así resolver as súas dúbidas.
Paquete de medidas
No paquete de medidas que se están a desenvolver para paliar os danos sufridos coas últimas xeadas, a Xunta e o Goberno central van na mesma liña de traballo con axudas a través de créditos e préstamos que se porán en marcha a través do Igape e a Saeca, respectivamente.
En todo caso, cabe destacar o importante esforzo que tanto o Goberno central como a Xunta de Galicia fai para a contratación de seguros agrarios. A Consellería do Medio Rural achegou o ano pasado 4,7 millóns de euros cos que se financia un 22% da contratación de pólizas agrarias e un 16% nas gandeiras. En breve, está previsto que saia no Diario Oficial de Galicia a orde deste ano.