Convocados por CCOO
Maniféstanse en Boiro en defensa dun convenio digno para a conserva de peixe
Os manifestantes deixaron clara a súa desconformidade co acordo previo asinado por UGT e CIG coa patronal. De feito, non faltaron pancartas e carteis coa mensaxe "véndese", en referencia ás organizacións que o asinaron.
O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia implicouse de cheo neste conflito nas últimas semanas, pero tamén na manifestación de hoxe. En Boiro estiveron a secretaria xeral, Amelia Pérez, e varios membros da Comisión Executiva Nacional do sindicato: Leila Piñeiro, Antonio Millares, Francisco Méndez e Juan Carlos López Corbacho.
O secretario xeral de CCOO-Industria, Víctor Ledo, censurou a actitude de UGT e CIG asinando un acordo "insuficiente" cunha patronal "caciquil".A xuízo de Comisións, o documento non resolve as principais reivindicacións, como a fenda salarial entre mulleres e homes ou os baixos salarios en xeral —os menores de toda a industria agroalimentaria. Ledo tamén lles reprochou que pactasen coa patronal o cuarto turno de traballo, «que será maioritariamente cuberto por mulleres e mozas precarias, o que afondará na fenda salarial de xénero», apuntou o sindicalista.
Por último, o secretario xeral de CCOO-Industria instou a UGT e CIG a someteren este acordo a referendo "de todos os traballadores e traballadoras, non só a unha parte", de maneira que todo o sector "poida deixar clara a súa postura"