Os bonos con descontos poden utilizarse ata o 31 de decembro
Máis de 112.000 persoas descargan o Bono Activa Comercio en apenas 24 horas
Máis de 112.000 clientes de toda Galicia descargaron o Bono Activa Comercio en pouco máis de 24 horas desde que se habilitara este luns a campaña, mentres que o número de comercios adheridos a esta iniciativa da Xunta supera xa os 4.500.
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, realizou este martes unha visita a diferentes establecementos de Ribadeo, onde preto dunha trintena de negocios participan no Bono Activa Comercio, ao que a Xunta destina 5 millóns de euros coa previsión de chegar a mobilizar 17 millóns de euros en compras no comercio de proximidade de toda Galicia. Cada consumidor pode obter un bono de 30 euros que terá a oportunidade de utilizar ata o 31 de decembro nos negocios adheridos.
Os bonos, en formato de código QR, poden descargarse a través do móbil na web bonosactivacomercio.gal, onde tamén poden sumarse ata o 30 de novembro novos establecementos comerciais. Heredia, que estivo acompañado por representantes da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (Acisa), lembrou que esta iniciativa busca impulsar as compras no comercio de proximidade, atraendo clientela aos establecementos locais. Ao mesmo tempo, contribúese a aliviar o impacto da inflación na capacidade de gasto dos fogares galegos.
A principal novidade deste ano é a ampliación de tramos de desconto e os importes. Deste xeito, para compras a partir de 20 euros e inferiores a 30 euros descóntanse 5 euros; 10 euros para compras desde 30 euros e inferiores a 50; e de 15 euros se superan os 50 euros de compra.