Proxecto Cephs and Chefs

Investigadores tratan de identificar novos mercados para o polbo de Galicia

Os membros do proxecto Cephs and Chefs do que forma parte a Universidade de Santiago reúnense estes días en Santiago para continuar avanzando na sostibilidade das pesqueiras de cefalópodos en Europa, a análise da súa cadea de valor así como a identificación de novas oportunidades de negocio e mercados nos países do norte do continente.

Investigadores tratan de identificar novos mercados para o polbo de Galicia
A oferta de polbo en Galicia non é capaz de satisfacer a crecente demanda deste produto, salientan os investigadores.
A oferta de polbo en Galicia non é capaz de satisfacer a crecente demanda deste produto, salientan os investigadores.

En Cephs and Chefs interveñen varios grupos de investigación da USC; en concreto os membros do Grupo de Análise Económica dos Mercados e Institucións (AEMI) Sebastián Villasante, Manel Antelo, Pablo Pita e Joao Garcia Rodrigues, e o profesor Jacobo Feás, do grupo Valoración Financeira Aplicada (VALFINAP). O seu obxectivo consiste en desenvolver ferramentas prácticas para as administracións e a industria pesqueira con vistas a coñecer as características da cadea de valor, tales como os prezos dos cefalópodos, os actores involucrados, o emprego xerado, os perfís dos consumidores e as barreiras e oportunidades de negocio para os produtores e comercializadores.

Insuficiente oferta de polbo en Galicia

Para esta segunda reunión anual,a USC elaborou un estudio de cadeas de valor de polbo en Galicia, Asturias e Portugal, partindo dos produtores, comercializadores, distribuidores e consumidores finais. Os avances do proxecto permiten coñecer os fluxos de polbo desde a súa orixe ata a comercialización final, o que permite identificar cales son os factores que na actualidade desenvolven un papel clave na sostibilidade das pescarías así como na evolución da dinámica dos mercados pesqueiros. Na actualidade o grupo está a desenvolver unha enquisa en Europa para coñecer cales son as preferencias dos consumidores “con vistas a identificar novos mercados para os produtores galegos”, asegura o profesor Villasante.

Os investigadores galegos están investigando a oferta total de polbo en Galicia, que inclúe o volume e valor da produción local nas rías galegas e as importacións e exportacións desde ou cara a Galicia e a calquera parte do mundo tanto fresco coma conxelado ou en conserva. Polo de agora, os resultados indican que a oferta (2.500 toneladas en 2018) non é capaz de satisfacer a crecente demanda deste produto dos comercializadores galegos debido ao aumento do seu consumo “non só no resto de España e da Unión Europea, senón tamén no mercado estadounidense”, explica Villasante.

Amáis dos investigadores da Universidade compostelana, no proxecto Cephs and Chefs participan o Galway-Mayo Institute of Technology;as universidades de Galway(Irlanda), Unicaen (Francia), e Aveiro (Portugal); o CSIC e IEO en España e IPMA en Portugal; o Marine Stewardship Council, Quadralia e Atlantic GateLtd; e ARVI, a Organización de produtores de peixe do Sur e Oeste de Irlanda e a Associação de Armadores de Pesca da Fuzeta desde o sector produtivo.

            

Investigadores tratan de identificar novos mercados para o polbo de Galicia