A Deputación de Ourense achegará preto de 250.000 euros para a primeira fase deste proxecto

O Inorde convertirá unha vella estación de tren en centro de transformación de produtos agrarios

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, desenvolverá un proxecto para converter a vella estación de tren de Paderne de Allariz nun centro de transformación de produtos do sector primario.

 

O Inorde convertirá unha vella estación de tren en centro de transformación de produtos agrarios
Emma González, xerente do Inorde, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense./A.PAZ.
Emma González, xerente do Inorde, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense./A.PAZ.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo un encontro de traballo coa xerente do Inorde, Emma González, no que abordaron diferentes iniciativas que prepara este organismo dependente da institución provincial.

A iniciativa do Inorde, a conversión da estación de tren de Paderne nun centro de transformación de produtos do sector primario, aspira a ser unha ferramenta de innovación para os pequenos produtores e emprendedores do rural ourensán, fomentando o desenvolvemento socioeconómico da provincia en base a produción de elevado valor engadido para circuítos comerciais de proximidade, permitindo identificar novas actividades económicas e potenciar novos cultivos. Todo dentro da estratexia de captación de fondos europeos marcada pola Deputación de Ourense para transformar a provincia e combater o reto demográfico, dende un enfoque sostible e innovador, compatible coa paisaxe e o respecto pola biodiversidade.

"Este proxecto aspira a converter a estación de tren -mantida polo Inorde dentro do convenio con ADIF- nunha planta de procesado dos nosos produtos, dentro dunha acción transformadora da economía produtiva da provincia”, expuxo Baltar.

A xerente do Inorde reforza o potencial transformador deste proxecto dentro do sector primario ourensán, unha liña de traballo vital contra a despoboación: “Esta é unha das prioridades marcadas pola Deputación no día a día do Inorde. E este proxecto é unha actuación transformadora que pode contribuír á reagrarización e a posta en valor dos nosos produtos locais”. Emma González lembra que a actual crise agroalimentaria derivada da guerra en Ucraína volve a poñer en evidencia a necesidade de seguir potenciando o sector primario: “Estas actuacións son máis necesarias que nunca para apoiar os emprendedores”.

As liñas fundamentais do proxecto

Este proxecto nace para dar soporte aos produtores do rural ourensán, converténdose nun soporte de innovación que abarca dende o impulso de novos produtos hortícolas e frutícolas a fomentar a biodiversidade e a recuperación e rexeneración do solo. O primeiro paso, cunha achega de preto de 250.000 euros da Deputación, pasa por rehabilitar a vella estación de tren e recuperar terras para o cultivo que a institución provincial ten na Finca de Antela, en Sandiás, na que se desenrolará no futuro un programa de apoio a emprendedores, optando por cultivos que dinamicen a biodiversidade da terra.

Esta fase antóllase clave para acelerar o proxecto e captar fondos comunitarios, gañando músculo para as seguintes etapas dunha iniciativa que abarcará, entre outras cousas, o equipamento da infraestrutura, de 370 metros cadrados.

O proxecto liderado polo Inorde identificará necesidades, produtos e liñas de produción que se poden levar ao centro, co obxectivo de que os pequenos produtores e emprendedores do rural, cunha formación específica, poidan desenrolar a súa actividade transformadora en produtos de horta, froitas, verduras, cereais ou mel para comercializar, distribuír e promocionar o produto final no circuíto corto de comercialización apostando pola identidade propia de Ourense baixo unha marca local e orientándose tamén cara os establecementos hostaleiros, servizos turísticos ou comedores escolares de proximidade que poidan mercar estes produtos.

O Inorde convertirá unha vella estación de tren en centro de transformación de produtos agrarios