As variables relacionadas co comercio internacional, as que máis medran
O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica anota en agosto de novo un 3,5%
O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica do mes de agosto repite os valores acadados no mes anterior: un 3,5% de crecemento interanual.
En termos intertrimestrais, o crecemento económico de Galicia entre xuño a agosto tamén permanece estable nun valor de 1,0%. Recordan desde o Foro Económico de Galicia, autores do indicador, que en xullo diminuíra dúas décimas respecto ao mes anterior.
Os expertos do Foro entenden que este é un resultado positivo, "na medida na que non se profundiza na desaceleración e se mantén unha velocidade notable no terceiro trimestre".
En termos interanuais, as variables recollidas no Indicador que experimentan un maior crecemento son as relativas ao comercio internacional (exportacións e importacións). No lado oposto, a variable que tivo un peor comportamento en termos interanuais é a produción de vehículos turismo, que leva dende o mes de maio en clara tendencia á baixa.
O Indicador está elaborado pola equipa de conxuntura económica do Foro Económico de Galicia. Para a súa confección pártese da análise e cuantificación de 15 variables económicas que inclúen cifras de emprego, facturación empresarial, comercio internacional, actividade industrial e do sector servizos.