Reserva 12 millóns de euros para bonificacións de xuros e reavais en 2024
O Igape facilitará a pemes e autónomos o acceso a préstamos en condicións ventaxosas
A Consellería de Economía, Industria e Innovación volverá activar, un ano máis, a liña de acceso ao crédito que, a través dun convenio coas entidades de crédito e as sociedades de garantía recíproca, porá a disposición de pemes e autónomos préstamos nas condicións máis vantaxosas. Así se acordou este xoves no Consello da Xunta.
Os beneficiarios poderán solicitar tanto a bonificación do tipo de xuro dun préstamo como a obtención do aval sen custo algún. Para acadar estas dúas metas, a Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, destina 12 millóns de euros, que porán en circulación 80 nun millar de operacións nas que pemes e autónomos poden financiar investimentos e circulante, ou refinanciar préstamos anteriores que se materializasen en condicións menos vantaxosas -ata un 60% da súa contía.
Excepcionalmente e coa finalidade de aumentar a intensidade dos apoios ao sector da cadea mar-industria, no caso destas empresas os apoios poderian alcanzar a reestruturación do 100% da débeda existente.
As contías dos préstamos oscilan entre os 3.000 euros e o millón de euros, cunha vixencia de 3 a 15 anos e unha bonificación do tipo de xuro do 1,9%. Así mesmo, o acordo permite flexibilizar tamén outras condicións, ofrecendo tanto unha bonificación de ata o 1,25% da comisión do aval, como a posibilidade de reavalar os avais das sociedades de garantía recíproca na procura de facilitar a concesión dos préstamos. Todas estas condicións terán aínda unha maior flexibilidade no caso das empresas da cadea mar-industria.
A concesión das axudas, que estarán dispoñibles a comezos de 2024 estendéndose o período de solicitudes ata o 30 de setembro deste ano, será por concorrencia non competitiva, sendo subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras ata o esgotamento do crédito.
Máis de 3.000 solicitudes desde 2020
A Consellería de Economía, Industria e Innovación segue así a facilitar o acceso a préstamos ao tecido empresarial galego, principalmente a pemes e autónomos ao ser estes os que sofren maiores dificultades para acadar o financiamento adecuado ás súas necesidades, dando continuidade a unha liña moi ben acollida.
Neste sentido, desde o 2020 aprobáronse xa máis de 3.000 solicitudes, moitas delas vencelladas ao programa Reaval Covid posto en marcha no contexto da pandemia, formalizándose operacións por valor de máis de 172 millóns. Cifras ás que aínda hai que engadir as da convocatoria 2023, cuxo prazo de presentación de solicitudes finalizou o pasado 29 de setembro.
Bonificación de tipos de xuro
Neste marco, cómpre lembrar que a Consellería ten en marcha, a través do Igape, un novo programa que suma case 2 millóns de euros e que busca axudar a pemes e autónomos a facer fronte á suba de tipos de xuro que se veñen producindo durante o último ano.
Ata o 30 de novembro, os titulares de operacións de préstamos directos concedidos polo Igape poden solicitar a subvención de ata 3,5 puntos nos tipos de xuro das operacións, favorecéndose así a viabilidade económica das empresas e facilitando a capacidade de reembolso dos préstamos.