Os fondos non se esgotaron, polo que se agarda unha segunda convocatoria para setembro
O GALP Ría de Pontevedra repartirá 800.000 euros en axudas a 13 proxectos
Das 22 solicitudes recibidas na primeira convocatoria das axudas, 13 foron as seleccionadas; seis corresponden a proxectos de carácter produtivo e sete a proxectos non produtivos. O total das axudas aportadas é de 773.610 euros para un importe subvencionable de 1,6 millóns de euros. Os restantes nove proxectos non puideron acceder á subvención xestionada polo GALP Ría de Pontevedra por diferentes cuestións técnicas.
Por concellos o reparto de proxectos seleccionados é bastante homoxéneo: Sanxenxo, Poio e Marín contan, cada un, con tres iniciativas aprobadas; mentres que o concello de Bueu sumou dous novos proxectos, os mesmos que Pontevedra.
Entre as iniciativas produtivas que se van subvencionar, están un centro de valorización de produtos pesqueiros para a S. Coop. Galega del Mar San Miguel, un restaurante gastrocultural en Sanxenxo, un proxecto de mellora dunha construción tradicional en Bueu para utilizalo como almacén e taller, unha instalación dunha minicetárea en Poio, un novo proceso produtivo de lombos e filetes de peixe afumado , a construción dunha nave que permita explorar novas liñas de negocio en Bueu
Proxectos non produtivos seleccionados
En canto aos proxectos non produtivos, seleccionáronse os de implantación da plataforma XESMAR na lonxa de Campelo), a construción dunha ebarcación de vixilancia para o interior da ría de Pontevedra, a promoción de produtos ecolóxicos e de km 0 en Sanxenxo, a reparación da estrutura e reparación do mastro do galeón Luisa en Poio; unha actuación de prevención e concienciación en medio ambiente mariño no Club Náutico Portonovo; a divulgación e promoción da actividade da praza de abastos de Marín, e unha acción no Concello de Pontevedra para pór en valor o patrimonio cultural, pesqueiro, acuícola e marítimo da ría e a súa contorna a través da figura de Colón.
O GALP Ría de Pontevedra recorda que esta convocatoria non esgotou o crédito dispoñible para este ano e espera que haxa unha nova convocatoria no mes de setembro.
O propósito dos fondos europeos xestionados polo GALP Ría de Pontevedra é promover o desenvolvemento do tecido socioeconómico do territorio que comprende os concellos da contorna da ría. Unha das condicións para que os proxectos presentados opten á axuda é que encaixen dentro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP Ría de Pontevedra cumprindo os obxectivos de melloramento da competitividade dos sectores pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura; de fomento da diversificación e xeración de actividade económica, de melloras ambientais e proxectos de sensibilización, de revalorización e conservación do patrimonio e de fomento tanto da cooperación como do desenvolvemento local.