Nova convocatoria dos centros de fabricación avanzada
Galicia Inviste porá a disposición das empresas preto de 15 millóns de euros para financiar investimentos
A liña inclúe axudas e préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento de proxectos de investimento empresarial, coa finalidade principal de dinamizar a actividade económica en Galicia e potenciar a innovación a través do desenvolvemento e mellora das empresas existentes e coa creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais.
Ao igual que na anterior convocatoria, o programa ofrece a posibilidade de solicitar conxuntamente axudas e préstamos para o financiamento dos proxectos de investimento de pequenas e medianas empresas co obxectivo de impulsar o mantemento e creación de emprego. Así, o apoio da Administración autonómica cobre proxectos desde 25.000 ata 900.000 euros, chegando ao 35 % dos investimentos no caso das pequenas empresas e ao 25 % para as medianas; no caso de investimento empresarial sería do 30 e do 20 % no caso de investimento en equipamento produtivo. Cando as solicitudes de axuda teñan un investimento subvencionable superior a 500.000 euros, poderán pedir un préstamo parcialmente reembolsable para o seu financiamento; corresponderá o tramo non reembolsable coa axuda concedida.
Neste marco, o programa prevé dúas liñas de actuación: unha centrada nos proxectos de investimento empresarial, e outra que pon o foco en investimentos en equipamento produtivo. No contexto da primeira liña promoverase a creación de novos establecementos, a ampliación da capacidade dos existentes, a diversificación da súa produción e os cambios nos procesos globais da propia produción. E no relativo ao equipamento produtivo, facilitarase a ampliación de capacidade dun establecemento existente. Deste xeito, a Xunta pretende dar resposta coordinada ás necesidades financeiras das pemes, facilitando á vez axudas e préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento de proxectos de investimento empresarial.
Ao abeiro deste programa, desde o ano 2018, apoiáronse máis de 360 proxectos mobilizando investimentos por valor de máis de 125 millóns de euros.
Centros de fabricación avanzada
Doutra banda, o Consello da Xunta tamén avaliou hoxe unha nova convocatoria do Programa de centros de fabricación avanzada, da mesma Consellería de Economía, Industria e Innovación. Dotado con 10 millóns de euros, ten por obxectivo impulsar a posta en marcha de proxectos de infraestruturas de uso aberto e compartido que teñan como finalidade o desenvolvemento da contorna das empresas, especialmente as pemes, e os consumidores, e a modernización e desenvolvemento da base industrial, co fin de mellorar a súa competitividade.
Os proxectos contarán con apoios que poden chegar ata o 80 % do investimento subvencionable; están previstos tamén anticipos de ata o 80 %.
Así mesmo, esta liña compleméntase cunha convocatoria dirixida a grandes empresas por importe de 5 millóns de euros, que facilitará a capacidade financeira e de xestión solvente das infraestruturas, permitindo ao tecido empresarial apoiarse na capacidade tractora destas grandes empresas.
Seis centros de fabricación avanzada
A primeira edición deste programa impulsou a creación de seis centros de fabricación avanzada, que están a permitir promover proxectos en sectores industriais diversos, como as TIC, o biotecnolóxico, o turismo ou o agroalimentario. Trátase do centro de servizos avanzados na Cidade das TIC da Coruña, o centro de fabricación avanzada do Tambre, o Centro galego de tratamentos térmicos do aceiro, o centro de servizos avanzados Galicia TurisTIC en Vilagarcía de Arousa, a planta piloto de Inleit en Curtis e un centro de fabricación avanzada de lácteos de alto valor engadido impulsado pola Agrupación de Cooperativas Lácteas (Acolat).