Estímase un lixeiro descenso, equiparable ao da media de España
O Foro Económico de Galicia estima que o PIB galego crecerá un 2,3% este ano
O Foro Económico de Galicia vén de publicar o seu Informe sobre as previsións de crecemento para a economía galega para 2019, que cifra no 2,3%.
O obxectivo do informe que elabora o Foro Económico é triple. Primeiro, ordena e presenta todas a previsións dispoñibles para o PIB de Galicia en 2019. Segundo avalía e informa da capacidade preditiva das diferentes institucións públicas e privadas para o período 2015 a 2018. En último termo, o informe ofrece unha previsión baseada na combinación das diferentes cifras dispoñibles para 2019 utilizando para isto diferente información (cuantitativa e cualitativa) ao seu alcance.
As institucións que máis se teñen aproximado nos dous últimos anos nas súas previsións ex-ante son o Instituto Galego de Estatística (IGE) e Funcas, amosando esta última institución un lixeiro nesgo á alza. Pola contra o BBVA Research, Hispalink e AIReF amosaron no ano 2018 un nesgo á baixa.
A previsión do Foro Económico de Galicia para 2019 parte da combinación das cifras que ofrecen IGE, Funcas, BBVA Research e Hispalink tendo en conta a súa capacidade predictiva demostrada nos últimos tres anos, dando máis ponderación a quen atinou máis no pasado. Como resultado, obtense unha media ponderada de crecemento do PIB de Galicia para 2019 que é de 2,6%. A partir desta cifra, a equipa de conxuntura do Foro produce a súa previsión de consenso. Este dato ten en conta o resultado dunha enquisa aos membros natos do Foro e a información que proporciona o Indicador Abanca-Foro ata abril deste ano. Para 2019 a previsión de consenso que manexa o Foro é do 2,3%.