Hai convocados paros os días 11 e 12 de maio
A folga do sector de limpeza esténdese á Xunta, Parlamento, Valedor e USC
Os voceiros de CCOO, Ricardo Santos, UGT, Manuel Carreira, e CIG, Paulo Rubido, lembraron que o groso do sector da limpeza de edificios está integrado por mulleres, con contrato maioritariamente de tempo parcial e con salarios tan baixos "que poderían acabar por baixo do salario mínimo interprofesional se o Goberno do Estado o aumenta".
A extensión da folga dos días 11 e 12 de maio débese a que nos centros de traballo da Xunta de Galicia, Parlamento, Valedor do Pobo e Universidade de Santiago de Compostela, malia contaren con pactos de equiparación, o persoal veríase prexudicado por artigos que pretende recortar a patronal provincial. Isto supón incluír nos paros entre 350 e 400 traballadores e traballadoras máis do sector da limpeza de edificios que se suman aos case dez mil que xa estaban chamados á folga.
De feito, sinalan os representantes sindicais, se non se achegan posturas, haberá novas convocatorias de folga que, neste caso, incluirán tamén o persoal de limpeza dos hospitais das áreas sanitarias da Coruña, Ferrol e Santiago-Barbanza.
O secretario de Comunicación da Federación de Construción e Servizos de CCOO, Ricardo Santos, explicou que o persoal que presta servizos nos centros de traballo da Administración pública "participará activamente nas folgas", porque perderán dereitos coa proposta da patronal. Santos fixo fincapé na xubilación parcial, porque nestes centros de traballo o persoal ten abonda antigüidade na empresa e cotizacións sociais para poder acceder a esta modalidade de xubilación que a patronal quere suprimir.
Subrogación dos reforzos covid
Por último, o voceiro de CCOO tamén anunciou que se vai solicitar unha reunión coa Consellaría da Presidencia ante a pretensión da Xunta de Galicia de non subrogar o persoal contratado como reforzo para as tarefas de prevención contra a covid-19. Santos lembrou que o convenio de aplicación obriga á subrogación das traballadoras e traballadores con, polo menos, catro meses de antigüidade no posto de traballo.