O mércores 19 haberá mobilizacións conxuntas diante de varias oficinas da entidade
Folga o 26 de maio contra despedimentos e peche de oficinas en BBVA
Neste senso, tamén anima a participar na xornada de mobilizacións que se realizarán en numerosas cidades o próximo mércores día 19, neste caso convocadas por todas as centrais con representación no banco. En Galiza, estas concentracións realizaranse ás 18 horas, diante de oficinas de BBVA na Coruña, Santiago, Vigo, Ourense e Lugo.
Fernández cualifica de "escandaloso" que unha entidade que no primeiro trimestre do ano tivo uns beneficios de 1.210 millóns de euros, que aumentou ademais as retribucións da alta dirección e que se gaba de estar á cabeza en rendibilidade e incremento de clientela, "se poida aproveitar das facilidades introducidas pola reforma laboral do PP para despedir a miles de traballadores/as, recortar os servizos á clientela e afondar na exclusión financeira".Alerta que o BBVA está seguindo o modelo de "ERE á carta" que aplicado polo Banco Santander, pois aínda que quere vender que se trata dun proceso voluntario, é a empresa quen se reserva o dereito a aceptar ou non as solicitudes de maneira que se non hai adscricións suficientes, as saídas serán forzosas en base a valoracións non obxectivas. "É dicir, é a empresa quen decide quen queda e quen marcha e para iso non dubidará en acosar o persoal previamente seleccionado, tal e como está acontecendo no Santander", apunta.
Diante disto, o secretario da sección sindical da CIG asevera que "o banco debe retirar o ERE, poñer en marcha un plan de prexubilacións e buscar vías alternativas de redución de custes, que non poden pasar en ningún caso pola redución dos postos de traballo e a prestación dos servizos".
Fernández lembra que o BBVA ameaza a continuidade de 3.798 empregos en todo o Estado alegando unha baixada dos beneficios no último ano (que non perdas) e un suposto cambio de hábitos da clientela, cando na realidade "o que hai é unha dixitalización forzada e unha redución dos servizos e horarios das caixas para expulsar a xente das oficinas e dirixila á banca online, ao caixeiro ou ás sucursais que decide o BBVA, normalmente xa sobrecargadas e con restricións o que provoca longas colas".