IX Xornada de Casal de Armán
Expertos debaten sobre o futuro do monte galego e os seus posibles usos
Máis de 25 expertos, empresarios e representantes do sector forestal debateron sobre o futuro do monte galego nun novo encontro de Casal de Armán organizado polo Foro Económico de Galicia.
Nesta xuntanza de traballo coordinada polos membros do Foro Económico de Galicia, Albino Prada e Edelmiro López deuse a coñecer o dato de que o sector agrario galego pasou das case 800.000 persoas en 1950 a menos de 50.000 en 2015, segundo o informe da Comisión de Estudo e Análise da Política Foresta. Estas cifras complétanse con máis de medio millón de propietarios de parcelas rústicas e co lastre que supón o descoñecemento do número real de propietarios de montes, calculado, de xeito aproximado, en medio millón. Ao mesmo tempo que a poboación afincada no rural cae, o uso arborizado do monte increméntase de maneira destacada á vez que a non arborada (leña, pastos) entra en declive e provoca unha acelerada acumulación de biomasa forestal.
Os expertos do Foro tamén fixeron referencia ao problema dos incendios. Dende 1960 a 2010 a superficie queimada alcanza a superficie forestal total de Galicia, 2 millóns de hectáreas. Coas consecuencias ambientais e custos económicos consecuentes.
O diagnóstico do sector completouse nesta reunión de expertos con outras variables que xa forman parte do ADN do monte galego: unha fragmentación extrema da propiedade e o consecuente abandono de parcelas. A cifra máis elocuente neste sentido é que só un 10% do monte galego está ordenado e esa porcentaxe é aínda máis baixa se aplicamos o criterio dunha xestión forestal sustentable.
Enerxías renovables
A explotación forestal non foi o único sector abordado na reunión de Casal de Armán. As enerxías verdes e renovables ou as posibilidades que ofrece o monte para o desenvolvemento turístico, patrimonio natural e biodiversidade tamén xurdiron no debate. E, por suposto, a explotación agraria. Neste sentido non deixa de ser rechamante que cunhas condicións agrarias favorables Galicia sexa dependente do mercado internacional para abastecer a demanda de produtos de alimentación animal.
José Luis Chan, director xeral de de Planificación e Ordenación territorial da Xunta de Galicia foi o responsable de clausurar a xornada. Chan anunciou tamén que o próximo mes de xuño se publicará o Anuario Estatístico Forestal, unha ferramenta que permitirá unha mellora na identificación e clasificación das parcelas.
Ao mesmo tempo que se realizou un diagnóstico profundo do sector, adiantáronse algunhas propostas: ordenación do monte, aposta por unha transformación de produtos con maior valor engadido, elaboración de estratexias produtivas e minimización de custos ou desenvolvemento e mellora das estratexias de comercialización.
Todas estas propostas serán recollidas proximamente nun documento de iniciativas que presentará o equipo de expertos do Foro Económico de Galicia coordinado por Albino Prada e Edelmiro López Iglesias.