A primeira misión comercial da comarca, presentada na 16ª Mostra de Cultivos
Empresas europeas participarán nunha misión comercial no Baixo Miño e norte de Portugal
Contribuír ao posicionamento do sector agro de Baixo Miño e do norte de Portugal “dando a coñecer de primeira man a potenciais clientes e compradores os produtos e servizos agrarios da comarca” é o obxectivo fundamental da primeira misión comercial inversa que se celebrará na contorna.
A misión foi presentada na xornada inaugural da 16ª Mostra de Cultivos, que estará aberta ao público profesional e xeral no pavillón de Goián (Tomiño) ata o domingo 17 de marzo. “Queremos animar a participar a todas as empresas da contorna porque é un mecanismo realmente eficiente para chegar a novos mercados”, salientan dende a Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam).
En xuño ou setembro, con data a determinar nos vindeiros días, diferentes empresas europeas de toda a cadea do sector agro visitarán o territorio do Baixo Miño, non soamente para coñecer a calidade dos produtos e servizos, senón que ademais de manter reunións para formalizar acordos comerciais percorrerán a comarca e realizarán distintas actividades coas que poderán comprobar in situ esas características singulares do territorio que lle confiren un valor extra aos produtos da contorna. Todo a través de “actividades conxuntas entre todas as entidades participantes para acadar un fortalecemento comercial estable”. O achegamento a estas empresas europeas permitirá ademais entrar en contacto directo cunha gran gama de compradores profesionais e identificar fortalezas e debilidades do sector para competir en mercados internacionais.
A misión comercial inveresa, organizada en colaboración entre a acuBam e a Eurocidade Cerveira-Tomiño, realízase no marco do proxecto ‘Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño’ para o desenvolvemento sostible do territorio e a dinamización da economía local transfronteiriza. É un proxecto cofinanciado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE. Xunto con acuBam, actuarán como aglutinadores sectoriais para facilitar a misión a Associação Portuguesa de Produtores de Plantas e Flores Naturais (APPPFN) e a Associação para o Desenvolvimento Local, Rural, Agrícola, Florestal e Ambiental (ARA-Cerveira).
Bolsa de emprego agraria transfronteriza
Nesta aposta por darlle un pulo aínda maior á internacionalización e pola profesionalización do sector abordandoa dun xeito transfronteirizo, a Mostra de Cultivos do Baixo Miño comezou a súa décimo sexta edición coa primeira programación que conta con contido específico transfronteirizo e que tivo como acción principal co workshop ‘Oportunidades de formación e emprego no agro’, organizado por acuBam e o Concello de Tomiño en estreita colaboración coa Eurocidade Cerveira-Tomiño.
Unha mesa de debate na que participaron empresas, administracións e organizacións relacionadas con esta actividade económica e empresarial; centros educativos de Galicia e do norte de Portugal e representantes de acuBam, da Associação para o Desenvolvimento Local, Rural, Agrícola, Florestal e Ambiental de Cerveira e Associação Portuguesa de Produtores de Plantas e Flores Naturais para facer unha diagnose das necesidades formativas do sector e para informar ás empresas das modalidades formativas xa existentes a ambas beiras do río Miño, promovendo fórmulas para unha relación estable entre empresas e docentes. “Puxéronse enriba da mesa as dificultades ás que se enfronta o sector, tendencias e problemas de fondo que precisan dunha transformación da propia sociedade e que é necesario ter presentes para poder revertelos”, aseguraron dende a Eurocidade Cerveira-Tomiño.
Entre as medidas xa adoptadas figuran a primeira bolsa profesional de emprego do sector agrario transfronteirizo, posta en marcha por acuBam co obxectivo de contar cunha base de datos profesional cribada e actualizada que permita ás empresas encontrar con maior facilidade perfís profesionais vencellados ao agro e, á vez, facilitar o desenvolvemento dunha carreira profesional no sector na contorna. Unha ferramenta que servirá ademais de “plataforma que sirva ás empresas para publicar as súas ofertas de emprego”.
Esta bolsa de emprego complementarase con formación a través de cursos ou prácticas en empresas.