A empresa IpGlobal coñece as instalacións do Campus de Ferrol de cara a unha futura colaboración
O Campus de Ferrol e a axencia dixital IpGlobal están estudando as liñas de colaboración logo de que directivos da firma visitasen diversas instalacións de investigación do campus que se axusten ás necesidades actuais de innovación que precisa a empresa de tecnoloxía.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, recibiu ao director de Tecnoloxías Interactivas de IpGlobal, Antonio Cotos, e ao director da Unidade de Industria 4.0, Miguel Roig, nunha reunión de presentación xeral do campus previa á visita aos laboratorios, e na que tamén estaba o director do Campus Industrial de Ferrol, Ginés Nicolás e a profesora da Escola Politécnica Superior da área de Enxeñaría nuclear, Sonia Zaragoza.
Despois dunha visión xeral das caracterísiticas do campus, comezou a visita técnica e xa con intereses concretos establecidos previamente, que empezou no Laboratorio de Materiais e que levaría tamén aos directivos da empresa coruñesa ao Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser, de Plásticos, á Unidade Mixta de Investigación UDC-Navantia, que traballa no proxecto de “Estaleiro 4.0”, ao Laboratorio de Enxeñaría Mecánica e ás instalacións do Grupo Integrado de Enxeñaría.
A visita rematou nas dependencias da spin off participada pola UDC Nerxus Quality Solutions. Esta spin off ofrece un servizo de asesoría Big Data en eficiencia enerxética para instalacións e locais orientado a empresas do sector servizos de forma que se optimiza a produción e se baixan os custes cunha mellor xestión enerxética.
Tanto os directivos da firma como a vicerreitora manifestaron a súa satifacción por este achegamento e aseguraron unha pronta colaboración, que xa se está valorando actualmente.