Aceptouse a cláusula de revisión salarial proposta polos sindicatos
Desconvocada a folga en Televés
A mesa negociadora do convenio colectivo de Televés alcanzou a última hora desta mañá un preacordo que supón a desconvocatoria da xornada de folga prevista para este xoves 12 nos centros de traballo da empresa na provincia da Coruña.
11 ene 2023
No preacordo prevese unha vixencia para o novo convenio colectivo de Televés de 2022 a 2025. Ademais, o texto incorpora unha das principais reivindicacións dos sindicatos, a cláusula de revisión salarial para os tres últimos anos (23, 24 e 25) onde se garantirá o sumatorio destes anos máis un 0,5%.
Os incrementos para cada un dos anos de vixencia do texto serán do 4,5% en 2022, do 3,5% en 2023, do 3% en 2024 e do 2,5% en 2025.
O sindicato UGT FICA Compostela valora dun xeito positivo este preacordo que defenderá na asemblea de traballadores e traballadoras e que permitirá desconvocar a folga prevista para este xoves.