Grazas a un convenio entre o Colexio e a Fundación Paideia Galiza
Descontos para os asociados do CPEIG no coworking e oficinas do CIE Mans
Asinaron o convenio o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, e o vicepresidente da Fundación Paideia Galiza, Guillermo Vergara.
Grazas a este acordo, as colexiadas e colexiados do CPEIG poderán gozar de descontos para estancias e alugueres, tanto nos servizos de coworking Mans que dispón nos seus centros de A Coruña e Padrón, como nas súas oficinas. Tamén poderán beneficiarse de descontos nas tarifas do alugueiro do Plató de Estudios Mans, un estudo de gravación para impulsar o sector audiovisual e musical en Galicia. O acordo terá unha vixencia dun ano, aínda que se poderá prorrogar automaticamente.
O CIE Mans é un espazo de coworking que busca a promoción e apoio de proxectos empresariais. Pretende ser xermolo e marco para a promoción e desenvolvemento económico, produtivo, social e cultural de sectores empresariais emerxentes e innovadores. Pon á disposición de empresarios e emprendedores un espazo cómodo e flexible nun entorno exclusivo e próximo a outras empresas que desenvolvan actividades complementarias. Os seus obxectivos son fomentar o intercambio de información e experiencias entre os emprendedores e facilitar o desenvolvemento do tecido empresarial en Galicia apoiando á innovación nos distintos proxectos empresariais e contribuíndo á creación de emprego en sectores innovadores, diferenciados e estratéxicos.