Axustan as axudas aos concellos, atrasan o cobro de impostos ou preparan "o día despois"
As deputacións galegas toman medidas fronte ao covid-19
Na Deputación da Coruña, o seu presidente, Valentín González Formoso, vén de asinar unha resolución pola que aproba medidas extraordinarias en relación aos procedementos que tramita a área tributaria da institución provincial. Entre esas medidas, decrétase que a primeira campaña de recadación de 2020, que comezaba este mes e que inclúe o imposto de vehículos (IVTM) e outras taxas, aprázase ata despois do 30 abril. O aprazamento do cobro do imposto de vehículos beneficia aos propietarios que residen nos 79 concellos da provincia que teñen delegado na Deputación coruñesa a súa xestión.
"A crise sanitaria do Covid-19 implica tamén un importante impacto económico para moitas empresas, autónomos e familias. A nosa prioridade en materia económica seguirá sendo protexer o tecido produtivo e social da provincia e intentar minimizar o seu impacto nas empresas e na cidadanía, tratando que os efectos sexan transitorios", afirmou González Formoso, que lembrou que ademais deste aprazamento tributario, que se prolongará se fose preciso, a Deputación mantén o "pago puntual aos seus provedores e contratistas como un dos servizos esenciais que deben funcionar ao 100% durante este período". Neste sentido, cabe destacar que grazas á rápida adaptación telemática da administración provincial, todos os servizos funcionan con normalidade e os pagos estanse realizando nos prazos habituais.
Estas medidas de aprazamento tributario non suporán unha merma económica para os concellos coruñeses, xa que a Deputación realizou xa anticipos a conta aos municipios que delegan a súa recadación na institución provincial por importe de 38.417.077 euros, que correspoden aos ingresos previstos polos concellos ata o mes de maio. Estes adiantos, sen xuros para os concellos, permítenlles ter liquidez para afrontar os seus pagos durante este período.
Liña 2 do plan Concellos da Deputación de Pontevedra
Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra remitiulles unha carta aos 59 concellos da provincia que se benefician do Plan Concellos para informalos da habilitación da Liña 2 do Plan 2020, dedicada a amortizacións, gasto corrente e actividades, co fin de facilitar o destino dos seus recursos á loita contra o coronavirus. Deste xeito, a institución provincial pon á disposición dos municipios ata máis de tres millóns de euros para que os concellos teñan a posibilidade de dispoñer de maior liquidez a fin de darlles resposta ás necesidades da súa veciñanza nesta situación de crise sanitaria.
En total, ata o de agora, os concellos xa solicitaran recursos da Liña 2 por valor de 1,3 millóns de euros, e quedaban pendentes de resolución outros 1,7 millóns. Con esta nova medida da Deputación de Pontevedra, aos concellos que xa teñan algunha subvención concedida ao abeiro desta liña facilítaselles presentar a súa desistencia total ou parcial a esta ou modificala para destinar os recursos ao que estimen máis prioritario ou urxente no contexto actual. Ademais, os concellos que presentaron solicitude pero que aínda non a tiñan resolta por mor desta situación poderán tamén presentar a súa desistencia ou modificación.
Adaptación do Plan Único da Deputación de Lugo
Tamén adapta o seu Plan Único o Goberno da Deputación de Lugo, co fin de que os 67 concellos da provincia poidan cubrir con estes fondos medidas e necesidades sociais provocadas pola crise do covid-19. Deste xeito, as bases do Plan Único adáptanse para que os municipios que así o necesiten queden exentos da obriga de destinar o 50% da achega da Deputación luguesa a investimentos para poder dedicar ese importe a cubrir e resolver as necesidades que xurdan a raíz do impacto do coronavirus.
O presidente da Administración provincial, José Tomé, explicou que “esta medida contribúe a que os concellos poidan responder con máis rapidez e eficacia ao novo escenario de prioridades e necesidades que deben afrontar debido á situación de emerxencia de saúde pública que estamos a vivir. “A Deputación é o Concello dos Concellos. A nosa principal función é a cooperación con eles, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios, que contan con menos recursos, dificilmente poden encarar os efectos desta crise sanitaria. É aquí onde temos unha función clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender aos seus veciños e veciñas”.
A Deputación de Lugo celebrará o vindeiro 2 de abril un pleno extraordinario para aprobar o Plan Único 2020, que se incrementa este ano ata os 21,3 millóns de euros, co obxectivo de que os concellos poidan dispoñer canto antes destes fondos, “que, se sempre son necesarios, quizais moito máis este ano pola grave situación que estamos a vivir, pois contribuirán, non só a cubrir servizos sociais e velar pola calidade de vida e o benestar da cidadanía, senón tamén e de maneira moi importante á reactivación da economía e do emprego unha vez rematado o estado de alarma”. O Plan Único “repercutirá na contratación sobre todo de pequenas e medianas empresas, moitas de ámbito local, o que sen dúbida axudará a recuperar o pulso das economías locais”.
Atendendo a esta situación, o Goberno provincial acordou ampliar os prazos para que os concellos teñan a marxe suficiente para acometer e prestar os servizos que sufragarán con cargo ao Plan Único 2020. Así, amplíase un mes o prazo para a contratación, pasando a data límite do 30 de setembro ao 30 de outubro.
Un "comité do día despois" na Deputación ourensá
E finalmente, a Deputación de Ourense constituiu un "comité do día despois" que ten por obxectivo planificar a saída económica da crise do coronavirus unha vez se levante o estado de alarma. Del forman parte, ademais da institución provincial, representantes da Confederación Empresarial de Ourense, da Federación de Comercio, da Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos, da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, de Sogarpo, de Abanca e do Inorde.
Segundo explicou o presidente da Deputación ourensá, Manuel Baltar, trala primeira xuntanza, "ya estamos esperando el resultado de encuestas como la que la CEO hizo llegar a sus asociados, así como las propuestas por parte de la Federación de Comercio de Ourense; somos conscientes de la situación crítica en la que se encuentran los autónomos, que abogan por la moratoria en el cobro de impuestos y la flexibilidad a la hora de sus pagos, y también del singular protagonismo que tienen parques empresariales como el Polígono de San Cibrao, ámbito en el que la Diputación quiere colaborar teniendo en cuenta la situación de paro en el que se encuentran muchas de sus empresas".
Tamén quere afrontar este comité "la situación en la que se encuentran los autónomos que tienen que hacer frente al pago de alquileres de locales y que no están contando en este momento con ingresos, y poner, además, sobre la mesa líneas de ayuda y de refuerzo que se están impulsando desde entidades como Sogarpo o el Igape, y conocer los nuevos productos que entidades financieras como Abanca ofrecen a las pymes, autónomos y negocios para que puedan disponer de liquidez".