As dúas entidades queren crear unha cátedra para o desenvolvemento sostible do rural
Deputación e UVigo alíanse para ubicar en Ourense a Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial
No encontro de traballo, celebrado o pasado venres 3 no Pazo Provincial de Ourense, tamén estivo presente a vicerreitora do Campus de Ourense, Elena Rivo, o vicerreitor de Planificación e Sustentabilidade, José Luis Míguez, e a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio.
Manuel Baltar avanza que o "goberno provincial promoverá unha declaración institucional para que Ourense sexa a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, unha cuestión que, sen ningunha dúbida, nos importa moito”. Respecto ao traballo en común na procura do Centro de Innovación Territorial, o presidente do goberno provincial explica que “poñeremos en marcha en 2023 esa cátedra cun obxectivo claro a medio prazo: conseguir que a provincia de Ourense acolla o Centro de Innovación Territorial, un traballo en colaboración co Campus de Ourense - Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Bragança, un proxecto transfronteirizo que traerá importantes beneficios para o territorio”.
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa agradeceu “o completo apoio e receptividade que teñen os nosos proxectos na Deputación” e valorou a AESIA e o Centro de Innovación Territorial como “dúas actividades que poden ser moi importantes para a provincia, dentro dun camiño no que penso que Ourense está moi ben situada”.
Sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial
O goberno provincial promoverá no vindeiro pleno de setembro unha declaración institucional para que Ourense albergue a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), dentro do proxecto artellado pola Universidade de Vigo que, dentro dun proceso aberto a nivel autonómico, prantexou a posibilidade de situar esta axencia en Ourense acadando o apoio da Deputación e o Concello de Ourense.
A concesión desta axencia estatal levaría aparellados ata un cento de postos de traballo. A Deputación resalta a idoneidade desta candidatura, tendo en conta o tamaño de cidade buscado polo Goberno central para este tipo de descentralizacións, o nivel da Universidade de Vigo e o seu aliñamento coas administracións públicas, ademais de contar coas infraestruturas necesarias e a posibilidade de activar valiosas sinerxías cos estudos de Enxeñería Informática e Intelixencia Artificial e co Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia.
Cátedra para o desenvolvemento sostible do rural e Centro de Innovación Territorial
A Deputación de Ourense apoia á Universidade de Vigo na creación dunha cátedra para o desenvolvemento sostible do rural ourensán. Este centro de investigación perfilarase cun equipo multidisciplinar situando como base unha vila, avanzando nunha iniciativa modelo para o desenvolvemento do rural que converteríase no paso previo á solicitude dun Centro de Innovación Territorial.
O proxecto desenvolverá diversas parcelas de experimentación, abríndose á participación da Facultade de Ciencias e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos do Campus, traballando con claves como a dixitalización, a sostenibilidade enerxética ou fomento do emprendemento no rural.
Manuel Reigosa destaca que “estamos moi ben situados”, destacando “a calidade dos nosos investigadores, que sitúan á Universidade de Uvigo entre as 75 mellores do mundo no ámbito agroalimentario e o traballo dos nosos parceiros ao outro lado da Raia, no Instituto Politécnico de Bragança, que están nunha posición semellante e que permitirán xuntar moito talento para este centro”.
O reitor da Universidade de Vigo reivindica o “traballo realizado xunto á Deputación de Ourense no rural, no reto demográfico e na mellora da calidade dos servizos públicos para a cidadanía” como un marco de apoio para “o centro de investigación transfronteirizo e o case que probable centro de innovación territorial, que serán moi positivos para Ourense”.