Suelo Empresarial do Atlántico xestiona na provincia catro polígonos empresariais
Deputación e SEA colaborarán para impulsar o desenvolvemento empresarial de Lugo
En Lugo Suelo Empresarial do Atlántico (SEA) xestiona catro parques empresariais, os de Monforte de Lemos, Rábade, Chantada e Mondoñedo, que suman máis de 870.000 metros cadrados de superficie.
Na reunión mantida na Deputación de Lugo, Beatriz Sestayo e José Tomé comprometéronse a buscar sinerxias de traballo comúns que permitan impulsar e mellorar o desenvolvemento empresarial da provincia, na que os polígonos de SEA constitúen un polo de atracción importante e reflexan datos de ocupación e emprego moi elevados na súa maioría.
En concreto, o polígono de Monforte conta cunha superficie bruta de 365.675 metros cadrados, o de Rábade con 323.160, o de Chantada con 111.791 e o de Mondoñedo 70.000.
No caso de Chantada a ocupación alcanza o 91% do solo dispoñible (só queda libre un espazo de 8.022 metros cadrados), en Rábade está ocupado o 84% (dispoñibles só 39.715 metros cadrados) e Monforte está vendido nun 75% (restan dispoñibles só 70.813 metros cadrados). Pola contra, en Mondoñedo está vendido só o 10% do total.
Beatriz Sestayo destacou tras a visita a súa “satisfacción pola implicación do presidente da Deputaciòn, José Tomé Roca, na colaboración da estratexia de crecemento económico da provincia de Lugo”.