O presidente provincial compromete “máis apoio institucional e económico"
Deputación de Ourense e CEO reforzarán a súa alianza
Na xuntanza analizouse a relación entre ámbalas dúas entidades - Deputación e Confederación Empresarial de Ourense- durante este mandato 2019-2023, onde a Deputación ourensá, na súa folla de ruta, o plan 72-73, invoca o espírito empresarial e as forzas empresariais da provincia como esenciais para xerar riqueza e emprego.
Neste sentido, o presidente Manuel Baltar e a directiva da CEO analizaron os temas de cooperación que veñen desenvolvendo conxuntamente, “unha relación que se seguirá reforzando no ámbito institucional e tamén economicamente pois é necesario dotar ás asociacións empresariais de mecanismos que implican axudas económicas para poñer en marcha iniciativas innovadoras como as que desenvolvemos xuntos nos últimos anos, como o Plan ExportOU, a Oficina de atracción de investimentos ou as misións empresariais, que contribúen a que o empresariado foráneo coñeza a realidade de Ourense”.
O presidente do Goberno provincial comprometeuse “a reforzar esta alianza nos vindeiros catro anos, e da man dos empresarios seguir acadando éxitos colectivos para Ourense”, e citou como exemplo o Centro Galego de Innovación na Formación Profesional, que marcará un antes e un despois a nivel provincial”, destacando tamén “a chegada da alta velocidade e esa maior conectividade do territorio provincial, que se vai converter nun “aeroporto terrestre” a menos de dúas horas e quince minutos de Madrid”.