Destinará 42M€ do Plan Único para que os concellos fagan o propio
A Deputación da Coruña habilitará unha partida para actualizar os prezos das obras públicas
Valentín González Formoso destacou "o investimento histórico" da administración provincial en obra pública, con 3.500 obras aprobadas no último lustro, que fan da Deputación da Coruña o maior axente investidor da provincia.
Aínda, así dixo ser consciente da difícil situación que atravesa "un sector estratéxico, que representa o 6,5 % do PIB galego e sostén preto de 78.000 empregos" debido á alza de prezos de combustibles e materiais de construción, como consecuencia da pandemia e da guerra de Ucraína, que propiciou incrementos de entorno ao 30% na custe das obras.
Para axudar a solucionar este problema, Formoso anunciou que a Deputación "acordará este mes permitir que os municipios da provincia poidan destinar ata 42 millóns de euros dos fondos do Plan Único para dedicalos a esa obriga legal de actualizar os prezos das obras públicas en licitación ou adxudicadas desde o 2021 ao 2023".
Ademais, segundo indicou Formoso, a Deputación da Coruña tamén habilitará unha partida económica para as obras propias, como as da rede provincial de estradas, todo isto "co obxectivo de evitar que a escalada de prezos acabe paralizando as obras públicas e afectando ao emprego e a recuperación económica".
"O sector da construción está chamado a ter un papel protagonista no proceso de recuperación no que nos atopamos inmersos", apuntou o presidente, que considerou que "é a nosa responsabilidade como administración pública traballar para buscar solucións a esta problemática".
O presidente de Apecco, Diego Vázquez Reino, agradeceu e amosou a satisfacción ante a medida anunciada por Formoso. "Que haxa este compromiso por parte da Deputación é unha moi boa nova para os compañeiros do sector". Vázquez subliñou que "medidas coma esta van ser pioneiras", indicando que non viu outra parecida a esta na administración local.
Durante o coloquio, o presidente agradeceu á directiva de Apecco "que teña a sensibilidade e estea en contacto permanente con nós para informarnos de como está o sector".