Precisa unha habilitación legal para reservar unha partida orzamentaria
A Deputación da Coruña comprométese a actualizar os prezos das obras en execución
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o vicepresidente Xosé Regueira e o deputado de Contratación, Xosé Lois Penas, mantiveron unha reunión coa directiva da Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (APECCO), presidida por Diego Vázquez Reino, para avaliar a situación que atravesa o sector debido ao incremento do prezo dos materiais e combustibles.
O presidente de APECCO trasladou aos representantes da Deputación da Coruña un informe que analiza a situación que atravesan as máis de 3.500 empresas e autónomos que integran o sector da construción na provincia, debido ao incremento do prezo dos materiais.
Diego Vázquez Reino explicou que o sector está atravesando “unha situación moi complexa que vimos arrastrando desde 2008”, pero que se agravou especialmente coa pandemia e as consecuencias da guerra de Ucrania “que fixeron que tivéramos un incremento do custo das obras do 22,7% en 2021, que siguen incrementándose en 2022”.
O presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso, interesouse polos detalles do informe e destacou a “importancia estratéxica” dun sector que mantén arredor de 40.000 empregos e sinalou que “como administración pública, a nosa obriga é pór enriba da mesa propostas que permitan solucionar esta situación”.
Neste sentido, anunciou o compromiso do Goberno provincial de habilitar este ano unha partida orzamentaria para que tanto Deputación e como concellos podan actualizar os prezos dos contratos en licitación e execución, compensando a alza de prezos daqueles proxectos que acrediten as perdas debido a situación de carestía das materias primas e combustibles”. Para iso, explicou, é necesario que Xunta de Galicia faga a habilitación legal correspodente en aplicación do decreto de 30 de marzo de 2022.
O deputado de Contratación, Xosé Lois Penas, afirmou que esta reunión é unha mostra mais da alta preocupación que temos pola situación actual, onde se mesturan os xa existentes problemas de contratación laborais cun incremento desmesurado das materias primas, unha crise enerxética e a recente folga de transportes. Todo iso aboca o sector a unha situación precaria que poder rematar, como xa está a acontecer, en licitacións desertas, ofertas a perdas ou riscos de ertes en empresas.
Informe sobre a situación do sector da construcción
O informe de APECCO avalía o impacto económico que os incrementos de prezos e o desabastecemento de determinadas materias está a ocasionar no sector da construcción. Nel acredítase que o 75% das empresas experimentou retrasos nas entregas de materiais, especialmente no caso da madeira, o aluminio e o PVC, aínda que tamén noutros como ferro, formigón, vidro, cemento.
En relación ao incremento de prezos, desde APECCO explican que o 95% das empresas do sector notaron un incremento inusual do prezo dos materiais nos últimos tres meses , que supón un incremento medio do custo total das obras dun 22,2%. Entre os materiais que máis incrementaron os seus prezos no último trimestre detacan a madeira (125%), o betún (125%) aceiro (55%), o ferro (51 %) ou o aluminio (40%).
Esta situación deriva en que o 60,5% das empresas vironse na obriga de paralizar ou cancelar obras e atender ás penalizacións económicas coprrespondentes.