Suspéndese a folga prevista para este venres 23 de decembro

As dependentas de Inditex logran unha suba inmediata de 322 euros ao mes

A loita que as traballadoras das tendas de Inditex da provincia da Coruña veñen desenvolvendo dende hai uns meses deron froito en forma de preacordo coa multinacional. O acordo implica aplicar un incremento salarial de 322 euros mensuais a partir da nómina de xaneiro e con carácter retroactivo a novembro.
As dependentas de Inditex logran unha suba inmediata de 322 euros ao mes
Membros dos comité de empresa das tendas de Inditex presentaron o acordo.
Integrantes dos comité de empresa das tendas de Inditex presentaron o acordo.

Esta suba, multiplicada polas 15 mensualidades que perciben as traballadoras, suporá un incremento anual total de máis de 4.800 euros brutos. Unha mellora retributiva que responde ás demandas trasladadas polas dependentas de Inditex da provincia da Coruña e permite acurtar as enormes diferenzas salariais que existen cos compañeiros e compañeiras doutras empresas do grupo, segundo valoraron na comparecencia ante os medios convocada por CIG e UGT este xoves.

Na rolda de prensa, as delegadas da CIG explicaron que ao longo deste proceso, Inditex foi incrementando as contías que puña enriba da mesa até chegar aos 322 euros ao mes. Destes, 122 euros foron a través do incremento do denominado "plus sede" e outros 200 euros nun plus de convenio específico.

A pesar de que convenio sectorial aínda está na súa fase de negociación, grazas ás mobilizacións e presións exercidas pola CIG, logrouse que Inditex se comprometa a facer efectiva esta suba xa na nómina de xaneiro, sen agardar á sinatura e publicación do convenio.

Con todo, as delegadas da CIG lamentaron que, "para minimizar a exemplar loita das traballadoras e ocultar o papel da central nacionalista neste conflito, a multinacional se negara a asinar directamente coa representación social un acordo para o persoal das súas tendas, como sería o lóxico, optando por camuflar a suba a través do convenio".

Tras alcanzar este acordo, a folga prevista para este venres 23 queda suspendida, á espera do texto definitivo que se asine e de que Inditex cumpra con todo o comprometido. Neste senso, as delegadas e delegados da CIG salientan que, tras o éxito desta loita por un salario digno, "aínda fica por diante moito traballo sindical para lograr que Inditex recoñeza as axudas sociais e as melloras laborais que merece o conxunto das traballadoras e traballadores".

As dependentas de Inditex logran unha suba inmediata de 322 euros ao mes