Reclaman un incremento progresivo dos seus soldos que en tres anos acade os 440€/mes
As dependentas de Inditex na Coruña irán de novo á folga o 23
Logo das xornadas de folga dos pasados 24 e 25 de novembro, as asambleas de traballadores das tendas de Inditex na Coruña desenvolverán varios actos reivindicativos en Santiago, Ferrol e na cidade herculina con carácter previo ao 23 de decembro. Tamén acordaron que, de non producírense movementos por parte de Inditex, irían a unha convocatoria de folga indefinida no mes de xaneiro, coincidindo co período de rebaixas.
As traballadoras rexeitan por insuficiente a proposta presentada por Inditex na mesa de negociación que lograron abrir na provincia da Coruña e que, posteriormente, a multinacional pactou en Madrid con CCOO e UGT, “roubándonos o dereito a negociar nós mesmas e aquí as nosas condicións de traballo”.
As dependentas reclaman un incremento progresivo dos seus soldos que en tres anos acade os 440 €/mes. A empresa limita esta suba a un total de 182,93 €/mes en 2024.
Segundo informan desde o comité provincial, Inditex négase de plano a negociar que se lle aplique ao persoal das tendas os dereitos sociais que xa teñen recoñecidos noutras empresas, como as axudas por coidado, para adquisición de libros ou o bono comedor.