Os días 7, 8 e 9 e 28, 29 e 30 de xuño
Convocadas seis xornadas de folga máis no sector do metal da Coruña
O voceiro da CIG-Industria na mesa do convenio, Eduardo Caamaño, lanzou un chamamento ao conxunto dos traballadores e das traballadoras do sector para dar unha resposta "aínda máis contundente" e que a folga abranga un maior número de empresas,"porque só a través da loita conseguiremos saír deste conflito cun convenio digno, que garanta dereitos e salarios".
Caamaño subliñou que nesta negociación hai dúas reivindicacións que son irrenunciábeis para a parte social: o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, que pasa por referenciar cada ano a suba no IPC real, e ampliar o dereito de subrogación a todo o sector. No relativo á cuestión económica, considera que "é máis que asumíbel" tendo en conta o medre imparábel do custe da vida e que as empresas xa están aplicando esta alza dos prezos aos seus produtos e servizos; sobre a subrogación, cuestionou a negativa do empresariado a aceptar este dereito xa que nin sequera lle ten un custe económico.
Xunto a isto, na plataforma social demándase un día máis de vacacións, a regulación dos pluses de penoso, tóxico e perigoso e das dietas e das viaxes; limitar o uso e o abuso das Empresas de Traballo Temporal, eliminando a posibilidade recollida en convenio de que presten servizos en períodos punta; ou pór freo aos abusos das mutuas.
Reunión da mesa o mércores 1 de xuño
O representante da CIG explicou que, "nun exercicio de responsabilidade", despois do que consideran un "éxito rotundo" dos catro días de folga de maio, as tres centrais sindicais remitiron un escrito á patronal instándoa a retomar a mesa de negociación. A raíz deste movemento, convocouse xuntanza da mesa para o mércores, 1 de xuño, na sede da Confederación de Empresarios da Coruña..
Ambas partes non se reunían dende o pasado 6 de abril, cando a patronal puxo enriba da mesa unha proposta de convenio "absolutamente inasumíbel", a xuízo da parte sindical. Por iso, e á espera do que dea de si ese encontro, Caamaño reiteroulle á patronal que retire esta proposta e se abra a negociar nos termos formulados na plataforma sindical. "Está nas mans da patronal que se efectivice ou non a convocatoria de folga", advertía.
A este respecto, a CIG-Industria denuncia a "cerrazón" da patronal e da súa voceira "que impiden que haxa avances na negociación e poder pór fin ao conflito". Diante desta postura inmobilista recalca que "imos continuar na loita e afondar no conflito até que a patronal se aveña a negociar un convenio xusto".
Caamaño chaman a atención no feito de que "a única versión que temos da patronal dende a última reunión da mesa e a única valoración que hai da folga, son as declaracións feitas por Asime, que unha patronal allea ao convenio e que non ten presenza na mesa de negociación". De aí que na comparecencia ofrecida este venres na Coruña polas tres centrais sindicais para anunciar a convocatoria das folgas se cuestionara o bloqueo da negociación por parte dunha patronal "cuxa representatividade real no sector descoñecemos".
Finalmente o voceiro da CIG-Industria anunciou que mentres continúen as negociacións e as folgas e non haxa unha solución, as centrais sindicais promoverán a non realización de horas extraordinarias como medida de presión e para evitar que as empresas pretendan recuperar o tempo de folga por esta vía.